O vertido apareceu o domingo e foi detectado polo concello de Ames. Técnicos de augas de Ames tomaron mostras e afirman que afectou tamén a Brión e Rois.

O concello de Ames decidiu presentar unha denuncia ante o SEPRONA e a Policía Autonómica polo vertido no río Sar detectado o pasado domingo. A sociedade municipal que xestiona a auga do concello, Augas de Ames, fíxolle chegar ao ente autonómico e ás autoridades un informe técnico sobre a situación do Sar ao seu paso por Ames durante o día 12 de outubro.
No día de onte técnicos de Augas de Galicia comunicaron que a orixe das incidencias estaría relacionada cos traballos de posta en marcha da nova Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Santiago de Compostela, e enviaron unha comunicación escrita ao Concello.
Compostela, pola súa parte, informou de que a sociedade estatal Acuaes “notificou problemas na posta en servizo da primeira fase da EDAR e agarda que esta semana se normalicen os procesos”.

Informe técnico de Augas de Ames
Nas últimas semanas, Augas de Ames recibiu numerosas comunicacións de veciños e usuarios do núcleo urbano de Bertamiráns e da zona de Brión, alertando da presenza de malos olores persistentes e da aparición de espuma e turbidez anormal nas augas do río Sar.

O persoal técnico desprazouse á zona o pasado 12 de outubro, realizando inspeccións visuais en varios puntos do curso do río. As observacións indican que o caudal xa chega ao termo municipal de Ames con sinais evidentes de contaminación, polo que se considera que a orixe do vertido podería situarse río arriba, en dirección a Santiago de Compostela.
Durante as inspeccións non se detectaron vertidos directos procedentes da rede municipal nin das instalacións locais, descartándose por tanto que a contaminación teña a súa orixe en infraestruturas municipais.
Entre os efectos observados destacan a presenza de malos olores moi intensos, especialmente nas inmediacións do centro urbano de Bertamiráns, espuma e turbidez continua e anormal nas augas e mortaldade de fauna acuática, principalmente peixes e anguías.
