O artigo que onte publicamos provocou unha reacción negativa nunha parte do profesorado do CEIP de Ventín; tras escoitar as opinións que se nos trasladan é bo facelas públicas como complemento ao xa escrito.

Cando se trata con informacións que afectan a menores, e a espazos sensibles como unha comunidade escolar, é preciso valorar o que se escribe. A prioridade será protexer as fontes e valorar se o problema merece ser difundido.
Tendo a seguridade que o que se sabe e veraz, non sempre se pode contrastar. As preguntas poden deixar ao descuberto á fonte, pode que non se teña o contacto preciso para contrastar, pode que as respostas esperables non aporten nada ou confundan o problema de fondo… no artigo de Ventín falouse con varias persoas e, ademais, existe un dereito de réplica ofrecido onte mesmo a responsables do equipo directivo.
A intención do artigo é describir e informar sobre unha situación que desde todas as partes recoñecen como inédita, algo que xa a converte nunha nova a publicar. Todos recoñecen tamén que algo mudou no centro desde que en setembro pais e profesores protestaran xuntos ata a separación que agora se vive. Deixáronse fora do artigo datos persoais ou situacións que aínda están sen pechar.
Feitos
No artigo fálase de “cancelación das actividades”. A circular enviada di “debemos priorizar la actividad docente en las aulas a través de los recursos disponibles [] por este motivo otras actividades que se realizaban en el centro y que requieren de una compleja preparación previa y de una mayor dotación de recursos humanos, se van a ver afectadas como es el caso de las actividades complementarias del centro, entre las que se encuentra el carnaval, y las salidas didácticas y excursiones, como las de final de curso y fin de etapa”.
Esta decisión foi tomada polo Claustro e polo tanto é de obrigado cumprimento para o profesorado, tal e como nos fixeron chegar. Actividades como a de entroido non se cancelaron, fixéronse nas aulas con menos recursos pero fixéronse.
Desde o profesorado, nas conversacións mantidas onte, trasládase que en todo caso os profesores non teñen a obriga de atender as actividades complementarias ou extraescolares e que a prioridade será sempre a educación e o benestar dos alumnos.
O cambio de libros é unha oportunidade que se presentou no último momento e que o colexio decidiu aceptar porque os actuais textos non se adecúan ao programa docente que se segue. En calquera caso destácase que o cambio será gratuíto para os pais.
Sobre temas sensibles como o bullyng, e o acoso laboral, explícase que non consta a día de hoxe ningún expediente aberto sobre estes temas. Lémbrase que existen protocolos para este tipo de situacións que parten sempre da denuncia, se non existe é difícil tomar medidas en calquera dos casos.
Ninguén nega que o número de baixas entre o profesorado non é habitual. No artigo non se entrou a valorar as causas das baixas pero fáisenos chegar a reflexión de que (as baixas) poden ser culpa dunha situación persoal, do traballo diario e mesmo da relación coas familias; que cada caso é distinto e que moitas das baixas están sobradamente xustificadas.
Reflexión
Como xa dixemos o artigo só quere describir unha situación que, nos consta, preocupa a moitas familias. Non dubidamos da boa vontade do equipo directivo e dos profesores. A educación en Galicia, en especial en primaria e secundaria, ten claros problemas de falta de persoal e os ratios en moitos sitios non se compren.
Nas circunstancias actuais, moitos profesores atópanse con que a clases xa saturadas chegan novos alumnos en metade do curso (inmigrantes, cambios de colexio por distintas circunstancias, etc.), algo que non axuda nin no ambiente de traballo ni no traballo en si mesmo. Somos conscientes de que do mesmo xeito que hai profesores que entorpecen máis que axudar, hai familias que non colaboran e só esixen; isto ven sucedendo nas últimas décadas, non é algo novo, é non parece que vaia cambiar.
É certo que un artigo pode incrementar o grao de crispación. Non o é menos que o artigo publícase despois de outras expresións públicas de malestar en redes sociais e mesmo dunha recollida de sinaturas. Hai situacións que requiren que se poña o foco nelas para abrir un debate sobre como solucionalas, pode ser o caso.
Dentro de pouco reunirase a comisión de convivencia do centro. É unha oportunidade para poñer sobre a mesa os problemas e, sen culpar a ninguén, decidir cales precisan de unha solución inmediata e cales poden resolverse a medio prazo; mesmo valorar cales non son un problema se non unha circunstancia mal entendida ou mal explicada.
Este novo artigo non substitúe ao dereito de réplica que o equipo directivo do CEIP de Ventín ten. Ao igual que as chamadas foron atendidas, calquera escrito que se queira enviar será publicado íntegro. Lembramos tamén que existe unha sección de “Castas ao director” á que se poden dirixir os que se sintan afectados, serán requiridos os seus datos pero non publicados.