Ames, 23 de decembro do 2020 – Os cambios no transporte metropolitano que entraron en vigor este mércores deixan sen conexión con Santiago a varios lugares de Ames.
Numerosas aldeas de Ames das parroquias de Biduído, Bugallido e Ortoño, quedan sen conexión coa modificación da liña urbana P2 que agora remata no Casal.
A única opción que queda para moitos veciños é a liña Extramundi – Estación de Autobuses que non segue o mesmo percorrido polo que non chega as mesmas aldeas. Esta opción tampouco ten, según explican os veciños, frecuencias suficientes e tampouco pasa polo centro, o cal dificulta por exemplo acudir a traballar ao casco histórico de Compostela ou mercar na praza de abastos, algo que facían a miudo moitas persoas maiores.
Maiores frecuencias con Bertamiráns e Milladoiro
As maiores frecuencias interiores, con Bertamiráns e Milladoiro, son ben recibidas pola veciñanza pero consideran que deben ser complementarias “Está ben que nos comuniquen con máis frecuencia con Bertamiráns e o Milladoiro pero sempre é preciso desprazarse a Santiago para facer compras ou xestións, e hai persoas que o fan a diario para ir á universidade, ao instituto ou ao seu traballo”.
Os veciños engaden que as opcións que lles quedan son usar o taxi, mercar coche ou “percorrer desde o Casal estradas moi inseguras, sen beirarrúa, de noite e faga bo tempo ou chova a cachón. Ademais de que os usuarios de máis idades non teñen sequera esas alternativas”.
Falta de información
Tamén se queixan da nula información por parte do concello de Ames e ter que sabelo nas últimas horas e case de casualidade “Estamos seguros de que hoxe moita xente maior ha estar hoxe nas paradas baixo a chuvia, en Ortoño, en Buceleiras e noutras paradas preguntándose por qué non aparece o autobús, iso é indignante”.
O concello nunha nota de prensa indicaba que ” Nos vindeiros días desde a alcaldía convocarase unha xuntanza coas asociacións de veciños e veciñas de Ortoño, Bugallido e Biduído, xa que son os lugares polas que pasaba esta liña que agora quedou sen servizo (Ortoño, O Santo, Ortoñiño, Guimaráns, Outeiro, Quistiláns, Framil, Costoia, Fraíz e Casaliño) e que leva máis de catro décadas prestando servizo a estas parroquias. O obxectivo é realizar un traballo conxunto entre a veciñanza e a Administración local para conseguir o restablecemento e mellora do servizo de transporte”.