Bisbarra, 28 de xaneiro do 2025 – A raíz da prohibición do concello de Ames do paso de tractores polo centro de Bertamiráns a posibilidade de que sobrevoaran o concello converteuse nun dos memes máis celebrados na rede.

O usuario de Tik Tok oscargarcia_full bromeaba coa posibilidade de pedir plans de vo para poder cruzar Bertamiráns. Un vídeo que se fixo viral e que axudou a visibilizar a problemática dos gandeiros.
Agora concello e gandeiros chegan a un acordo para a limitación de vehículos agrícolas na Améndoa Central. Esta xuntanza mantívose onte en Bertamiráns entre o alcalde, Blas García, o concelleiro de Urbanismo, Víctor Fernández, a Policía Local e gandeiros afectados.
O acordo manterá as restricións na Améndoa Central, aínda que contemplará excepcións para aqueles profesionais que carezan de alternativa de paso. A proposta remitida polo Concello de Ames e posteriormente aceptada fundaméntase en tres puntos principais: preservar a Améndoa Central, núcleo do centro urbano de preferencia peonil no que se garantirá a seguridade das persoas; cambio da sinais R-111 facilitando o acceso a vehículos agrícolas dende a rúa Alcalde Lorenzo a rúa Xunqueira, Avenida da Maía ata a rotonda que deriva na Avenida da Peregrina, e Avenida da Maía dirección Brión dende Travesía de Fontaldeiro; expedir permisos temporais ou puntuais dende a Policía Local, no caso de non existir viarios alternativos para o paso de vehículos agrícolas ás fincas.
O alcalde Blas García destacou a importancia dun acordo que fai posible a convivencia da seguridade peonil e da actividade agrícola: “Dende un primeiro momento mantivémonos abertos a recoller propostas e facer cambios, o que se transmitiu en todo momento é que de ningunha maneira se ía a regresar á situación anterior. Creo que este é un acordo que nos satisfai a todos e todas”.

