Bisbarra, 17 de xuño do 2024 – O Ministerio de Transportes e o concello de Ames realizan traballos de topografía na avenida Rosalía de Castro no Milladoiro como paso previo a humanización do tramo.

A pasada semana o alcalde, Blas García, reuniuse no lugar coa subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas,, co obxectivo de abordar a humanización da avenida do Milladoiro. Un proxecto adxudicado o pasado mes de abril, por 4,4 millóns de euros á Unión Temporal de Empresas.
Na xuntanza participou a Directora da Area de Fomento da Delegación do Goberno, Ana Quintairós; o Xefe da Demarcación de Estradas do Estado, Angel González del Rio; o Xefe da Área de Conservación de Estradas da Coruña, Francisco Prego; e Ignacio Ardá como Enxeñeiro da Dirección Xeral de Estradas e director da obra.
A subdelegada e o alcalde, Blas García, destacaron a importancia que ten unha obra de estas características para O Milladoiro, “trátase dunha travesía urbana que debe modernizarse de tal xeito que gañemos espazo para os peóns, para a configuración de zonas verdes e para o desprazamento en bicicleta”.
Traballos de topografía e análise de planos
O alcalde, Blas García, explicou que “xa estamos traballando para acometer a humanización no Milladoiro; non traballos con maquinaría, senón de topografía e analizando a correspondencia entre os planos do proxecto e a situación actual da zona. Esta é una obra moi importante para Ames e, sobre todo, para os veciños do Milladoiro, porque vai cambiar o núcleo tal e como o coñecemos. Por esta avenida circulan unha media de 20.000 vehículos diarios, que teñen un impacto acústico e medioambiental moi importante na veciñanza”.

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, indicou que “o obxecto principal da actuación centrarase en diminuír e calmar o tráfico, adaptando e renovando esta infraestrutura para mellorar a mobilidade activa e facela máis segura e sostible, en consonancia coa axenda verde que se promove dende o Goberno”.
Creación dunha contorna urbana máis sostible
Una das actuacións máis importantes no Milladoiro será a redución dun carril de circulación ao tráfico rodado por cada un dos sentidos cunha anchura de 3,5 metros; así como a construción dunha mediana axardinada de 3,3 metros de ancho entre as rúas do Rego e das Cartas, e de 2 metros de anchura no resto da travesía.
Crearase unha contorna urbana máis sostible, inclusivo e accesible coa construción dun carril bici de dobre sentido de circulación, en liña coa Estratexia Estatal polo uso da Bicicleta. Ampliaranse as beirarrúas, previa demolición das actuais, para permitir unha recuperación do espazo para o peón, incrementando así as zonas para viandantes, carga e descarga e aparcamento reservado.
A obra completase coa remodelación de varias interseccións, a reordenación dos cruces e accesos, a instalación de pasos de peóns e novos semáforos, a demolición da pasarela peonil, así como a zonas de estancia para viandantes, zonas de carga e descarga, renovación do alumeado, mellora das paradas de autobús e a creación de zonas de arborado
Esta intervención finánciase con cargo ao programa de mellora de contornas urbanas do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), dotado con 105 millóns do fondo NextGenerationEU.