Bisbarra, 21 de xuño do 2023 – A Xuntanza de Empresarios de Ames, en colaboración co concello, organiza a terceira edición da Feira de San Xoán.
A cita será no parque do Ameneiral os vindeiros días 23 e 24 de xuño. A Xunta de empresarios preparou, para esta terceira edición da Feira do San Xoán, un programa con artesanía, música e diversas actividades.
A festa inaugurarase o venres 23, ás 17:00 horas, cunha actuación da agrupación musical Retranqueiros. Durante a primeira xornada terá lugar tamén, dentro da programación “AmesON”, da Concellaría de Promoción Económica, o concerto de A banda da Balbina, ás 21:00 horas.
Xa o sábado 24, haberá unha sesión vermú a partir das 13:00 horas, a cargo do grupo Taz. Durante a tarde, ás 18:00 horas, ofrecerase a actividade Tango na rúa, na que colaboran Amestango e a Asociación Cultural A Maía. A feira pecharase ás 20:00 horas, cunha exhibición dos campións do mundo de Milonga: Alexandra Baldaque e Fernando Jorge. A concelleira Ana Belén Paz, destaca que “esta é xa a terceira edición da Feira de San Xoán, unha iniciativa que se vai consolidando ano tras ano. Esta serie de actividades son de moita utilidade para fomentar e dinamizar o comercio local, ademais de servir de punto de encontro para os veciños”. Nese sentido, a concelleira resalta que “invitamos a todos os amesáns e amesás, ademais de a toda a xente da contorna, a que participen na feira”.