Bisbarra, 13 de xaneiro do 2025 – A Casa da Cultura do Milladoiro, en Ames, acollerá este vindeiro venres 17, ás 20.30 horas, a peza teatral “O dragón de ouro”, de Sarabela Teatro.

Unha obra que xira arredor de temas de forte carga social como a trata de persoas ou a inmigración. Un espectáculo no que os actores interactuarán co público de Ames co obxectivo de conseguir unha reflexión sobre estas cuestións.
As entradas xa se poden adquirir na Billeteira electrónica. O Concello de Ames inicia así a súa programación de artes escénicas para a primeira metade do ano, composta por 13 obras dirixidas tanto a público adulto como infantil. Esta programación forma parte do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames.
“O dragón de ouro”, traducida por Catuxa López, é unha peza do autor alemán Roland Schimmelpfenning. Aínda que comezou a súa carreira como xornalista desde o 1996 traballa como autor independente e ten creado varias obras para os principais teatros alemáns.
A obra que chega a Ames plasma dunha maneira única a idea de necesidade, de límite e de desexo de mudar as condicións de vida para ofrecernos unha obra única con múltiples perspectivas. Está ambientada nun edificio de varios pisos, en plena noite, nalgún lugar de Europa. Un mozo chinés sofre unha forte dor de moa na cociña do restaurante no que traballa.
“O dragón de ouro” é o nome de este establecemento de comida asiática. O rapaz non ten permiso de residencia, nin cartos e non pode ir ao dentista. O mozo tampouco atopa á súa irmá desaparecida e no seu edificio viven moitos veciños. Un deles un ancián que quere retroceder no tempo mentres a súa neta, grávida, está diante das ruínas da súa relación. No piso de abaixo, un home, a quen deixou a súa muller, visita o seu amigo, un tendeiro enigmático que obriga a unha moza chinesa á prostitución.
Dúas azafatas comen no restaurante. Unha delas atopa e garda unha moa que caeu na súa sopa tailandesa. Intercalada entre as escenas, está inserida a Fábula da Cigarra que lle pide á Formiga que lle dea de comer durante o inverno. O conito central está no mundo mergullado de traballadores sen papeis.
Sobre Sarabela Teatro
Sarabela Teatro é unha compañía creada no 1980 por Ánxeles Cuña, sendo un dos grupos teatrais máis consolidados de Galicia. Con varios recoñecementos ás súas costas, como o Premio da Cultura Galega das Artes Escénicas no 2016, caracterízanse por realizar un teatro de calidade e cunha mensaxe detrás de cada actuación.