Bisbarra, 12 de marzo do 2024 – Este venres, 15 de marzo, ás 20:30 horas, a Casa da Cultura do Milladoiro acolle a posta en escena de “Chola a it girl” de ArtesaCía.

Trátase dun espectáculo dirixido a un público adulto e está protagonizada por Chola, unha muller que decide mostrar a súa vida rural, auténtica e imperfecta. Unha peza que ten unha duración duns setenta minutos.
As entradas xa se poden adquirir na Billeteira electrónica. Esta programación forma parte do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames.
“Chola a it girl”
Chola, cansa de ver como a xente ofrece unha imaxe marabillosa e perfecta de si mesma nas redes sociais, decide amosar a súa vida imperfecta, auténtica e rural cun show de empoderamento feminino acompañada en todo momento do seu sidecar e o seu peculiar “agroglamour”.
Con exemplos prácticos e didácticos, amosará os seus 10 tips para poder converterse nunha it girl “glocal” (mulleres que pensan localmente para actuar de forma global), facéndonos reflexionar sobre quen somos, que nos gusta, que nos divirte… e, sobre todo, saber recoñecer de onde vimos.
Esta obra é un homenaxe á “muller glocal”, mulleres que pensan localmente para actuar de maneira global. Mulleres do rural, que forman parte desa estirpe de muller decisiva, que están un paso por diante da sociedade rural na que viven, polo seu inconformismo, talento, forza, rebeldía e resistencia; pero tamén pola súa procura incansábel de posibilidades para cultivarse e aprender, pola súa teima e constancia por fuxir do que se supón que debería facer unha muller no rural.
ArtesaCía
ArtesaCía fundouse no 2010 en NYC. Hoxe afincada en Galicia (Tui), desenvolve unha linguaxe propia baseada na plástica, no cine, na hibridación de disciplinas e na investigación escénica.
A compañía funciona con equipas de traballo abertas para crear a posibilidade de proxectos nutridos por colaboracións locais, nacionais e internacionais.
