Bisbarra, 7 de setembro do 2022 – Ames celebrará a IV Semana Europea da Mobilidade do 16 ao 22 de setembro próximos.
O programa de este encontro sobre mobilidade inclúe andainas, xogos, coloquios, mostras e marchas ciclistas ao longo da semana. A temática escollida pola Comisión Europea para este ano é “Mellores conexións”, coa que se busca difundir os beneficios de uso das formas de transporte sostibles.
A Semana Europea da Mobilidade (SEM) a organiza a Comisión Europea, desde o ano 2002, co fin de promover unha mobilidade urbana sostible. Máis de 1.700 cidades e vilas sumáronse á campaña deste ano, entre elas o Concello de Ames.
As actividades comezarán o venres 16 de setembro, cunha marcha ciclista nocturna que partirá ás 22:00 horas da praza do Concello, en Bertamiráns. Ao igual que en edicións anteriores, tratarase dun percorrido sinxelo e ben iluminado, duns oito quilómetros, pensado para que toda a familia poida sumarse. Para participar cómpre inscribirse, enviando un correo ao enderezo electrónico mobilidade@concellodeames.gal, e levar chaleco reflector e casco durante a marcha.
O programa continuará o sábado 17, cunha serie de xogos e actividades orientados á rapazada dos 4 aos 12 anos. A partir das 17:00 horas, o aparcadoiro da travesía do Porto, no Milladoiro, acollerá de xeito simultáneo uns xogos populares en bicicleta e a proposta “Coñecendo a Unión Europea”, co gallo da presentación do proxecto dos carreiros escolares, parte do Plan Impulsa Ames – EDUSI, que terá lugar o día 15 de setembro na Casa da Cultura do Milladoiro. De xeito simultáneo, comezará unha mostra de bicis, patíns e motos eléctricas no aparcadoiro da Casa da Cultura do Milladoiro, por cortesía de WECO mobility.
A fin de semana rematará con dúas iniciativas máis o domingo 18. En primeiro lugar, realizarase unha andaina pola senda verde, un percorrido de doce quilómetros de dificultade baixa que une O Milladoiro con Bertamiráns. Será ás 10:00 horas, partindo dende a igrexa de San Xosé, no Milladoiro. Para participar nesta saída, na que colaboran as concellarías de Promoción da Saúde e de Medio Ambiente e Transición Ecolóxica, cómpre inscribirse ata o mércores 14 ás 14:00 horas, enviando un correo a promociondasaude@concellodeames.gal indicando “Andaina senda verde”, e especificando se se precisa autobús.
A xornada completarase ás 12:00 horas na praza do Concello, en Bertamiráns, cunha nova mostra de medios de transporte sostibles con WECO mobility.
A programación pecharase o martes 20, con dúas charlas para as persoas maiores cos coordinadores provinciais de educación viaria da Coruña, baixo o lema “Sabelo é empezar a evitalo”. Nelas poderán consultar dúbidas e inquedanzas sobre a mobilidade no concello e a seguridade viaria, en especial no eido dos atropelos en vías interurbanas, o foco principal das recentes campañas de concienciación da Dirección Xeral de Tráfico. Serán ás 17:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro, e ás 19:00 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns.