Ames, 10 de febreiro do 2017 – O Pazo de Raxoi acolleu a presentación do Protocolo Municipal de Prevención e Atención de Desafiuzamentos no que colaboran Ames, Santiago e Teo.
Nesta presentación, que correu a cargo da concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade de Ames, Luísa Feijóo, da concelleira de Políticas Sociais, Diversidades e Saúde de Santiago, Concha Fernández, do concelleiro de Benestar, Igualdade, Mocidade e Participación Veciñal de Teo, Xosé Ignacio Iglesias, da decana do Colexio de Psicoloxía de Galicia, María Rosa Álvarez, e do vicepresidente do Colexio de Traballo Social, Gonzalo Saborido, déronse a coñecer os detalles do protocolo de actuación para a prevención de desafiuzamentos e a atención das persoas afectadas nos concellos de Ames, Santiago e Teo.
O Protocolo ten como obxectivo previr que se poidan producir desafiuzamentos da vivenda habitual no ámbito dos municipios asinantes e xestionar os posibles casos que se poidan xerar neste territorio.
Na presentación de dito Protocolo insistiuse na importancia de acudir aos servizos sociais nos primeiros momentos nos que poida existir riscos de desafiuzamentos, xa que os Concellos adoitan ter coñecemento dos casos cando están xa moi avanzados.
Sobre este asunto a concelleira de Servizos Sociais de Ames, Luísa Feijóo, sinalou que “este protocolo ten que ser una folla de ruta para axudar aos tres concellos sobre como debemos actuar ante estas situacións” e fixo fincapé na “colaboración entre as administracións e os colexios profesionais”.
A concelleira de Políticas Sociais, Diversidades e Saúde de Santiago, Concha Fernández, explicou que “este documento é o resultado de numerosos meses de traballo e de xuntanzas da Mesa de Desafiuzamentos e quere dar contido ao Convenio asinado en 2013 entre o CGPJ, a Xunta e a FEGAMP”. Concha Fernández tamén insistiu na importancia da colaboración institucional “para dar solución integral a problemas complexos como o caso dos desafiuzamentos, por iso participan concellos como Ames, Santiago e Teo, así como os Colexios Profesionais de Avogacía, Psicoloxía e Traballo Social”.
Por outra banda, o concelleiro de Benestar, Igualdade, Mocidade e Participación Veciñal de Teo, Xosé Ignacio Iglesias, fixo un chamamento á veciñanza para que “acudan aos servizos sociais municipais antes de que estas situacións avancen” e destacou que o protocolo vai servir como “ferramenta para sistematizar as acción intentando que non queden buratos na rede”.
Tamén tomou a palabra a decana do Colexio de Psicoloxía, Rosa María Álvarez para lembrar que “a vivenda non son só catro paredes senón que é un proceso vital”. De aí que sexa tan importante o papel que xoga o Colexio de Psicoloxía “no acompañamento psicolóxico destas persoas”. Finalmente, Gonzalo Saborido, vicepresidente do Colexio de Traballo Social, puxo o foco “na colaboración intermunicipal” e na posta en común destas actuacións a través dos colexios profesionais, que “somos quen máis contacto temos coa sociedade civil e as plataformas e ONG”.
Mediación e acompañamento
Destinada a aquelas persoas que como consecuencia do seu empobrecemento ou insolvencia sobrevida non poidan facer fronte ás contías dun préstamo hipotecario e fosen requiridas xudicial ou extraxudicialmente. Así mesmo tamén se dirixe a aquelas persoas que non poidan sufragar as rendas previstas no contrato de arrendamento. Os concellos ofrecen asesoramento legal e psicosocial grazas ao convenio asinado cos Colexios de Psicoloxía e Avogacía e a participación neste Protocolo do Colexio de Traballo Social.
Tamén se dará información sobre as posibilidades de solicitude dun avogado ou avogada de oficio e acompañarase a esa persoa durante todo o proceso, elaborando informes sociais e realizando as xestións pertinentes para conseguir unha reestruturación do préstamo, dación en pago ou quita da débeda. Realizarase a necesaria intermediación co Instituto Galego de Vivenda e Solo e a mediación oportuna entre a persoa afectada e a entidade financeira para acadar un acordo entre as partes e, no caso, suspender ou prorrogar a data sinalada para o lanzamento.
Protección
Dirixida a aquelas persoas que se ven obrigadas a abandonar a súa vivenda por terse producido unha orde xudicial de lanzamento. O procedemento iniciarase cando o xulgado remita dita orde aos servizos sociais e xurídicos do Concello ou cando unha persoa requira directamente a nosa intervención.
O obxectivo pasa por mobilizar os recursos municipais orientados a garantir alternativa habitacional ás persoas afectadas polos desafiuzamentos nos tres Concellos. Ofrecerase mediación coa entidade financeira ou propietario/a da vivenda, xestión dos trámites da xustiza gratuíta, apoio psicosocial, comunicación á Xunta da situación de desafiuzamento e tramitación da solicitude dunha vivenda social á Comisión Provincial do Instituto Galego de Vivenda e solo.
No caso de producirse lanzamento da vivenda habitual, os e as axentes da Policía Local que estean presentes no momento do lanzamento proporcionarán o modelo escrito de aprazamento do lanzamento á persoa desafiuzada así como a intervención do Concello e a posta en contacto coa concellería responsable.