Bisbarra, 12 de xaneiro do 2023 – O alcalde de Ames, Blas García, reuniuse co vicepresidente segundo da Xunta de Galicia, Diego Calvo, para buscar apoio de cara a tres importantes proxectos
Unha pista de atletismo cuberta, un novo pavillón polideportivo en Bertamiráns e a ampliación da casa consistorial son as propostas que Blas García explicou na reunión con Diego Calvo. A reunión tivo lugar en San Caetano e participaron tamén a concelleira de Deportes e Atención veciñal, Susana Señorís, e a directora xeral da Administración Local, Natalia Prieto.
O proxecto de ampliación da casa do concello define un novo edificio ao carón do actual. Serían tres plantas nas que situar a todo o persoal municipal, centralizando a atención á veciñanza. Esteticamente o anteproxecto busca a uniformidade coa actual casa do concello. Levaría un novo salón de plenos e espazos para reunións. O deseño do espazo de traballo seguiría as novas tendencias sendo lugares abertos e compartidos nos que tanto empregados como veciños síntanse cómodos.
Un dos proxectos máis interesantes é unha pista de atletismo cuberta que se situaría no antigo campo de fútbol de Ventín. Destinaríase a saltos de lonxitude, altura e pértega. Esta obra sería a segunda fase dun proxecto máis ambicioso e que inclúe a construción dunha zona de lanzamentos, accesos e vestiarios. Esta primeira fase vaise licitar ao longo de 2023 con fondos propios do Concello de Ames, a través do plan Ames Progresa.
A mellora do antigo campo de fútbol de Ventín e o seu acondicionamento para a práctica do atletismo é unha vella demanda dos clubs do concello. Na actualidade son dous os clubs que empregan este espazo para adestrar, o Ames Atletismo e o Millaraio, que viron nos últimos anos como o número de socios aumentou considerablemente, o que favoreceu a obtención de bos resultados en distintas competicións tanto a nivel estatal como autonómico.
Por último, alcalde e concelleira presentaron o proxecto de construción dun novo pavillón polideportivo en Bertamiráns, máis moderno e con máis capacidade para poder dar servizo a todas as necesidades deportivas do concello.
O alcalde de Ames, Blas García, insistiu en que “Para afrontar estes proxectos de presente e futuro é necesario contar co apoio doutras administracións, como a Xunta de Galicia ou a Deputación da Coruña, dado que o concello por si só non pode asumir a súa totalidade”. E engadiu “Ames é un concello que medrou moito demográficamente en pouco tempo, pero as infraestruturas non medraron acompasadas coa súa poboación, polo que agora temos un importante déficit de servizos”.
Pola súa banda o vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, lembrou as achegas realizadas pola Xunta de Galicia ao Concello de Ames nos últimos anos, sobre todo no ámbito deportivo e na melloras das infraestruturas municipais e a través de actuacións ambientais, cunha inversión de máis de 727.700 euros. Ademais, o vicepresidente segundo da Xunta destacou a importancia da colaboración entre administracións en iniciativas que redundan de forma directa no benestar da veciñanza e avogou, tamén, pola cooperación entre os propios concellos para sumar esforzos e ser máis eficientes.