Bisbarra, 27 de maio do 2024- Os grupos do BNG e de Espazo Común de Ames pedirán no vindeiro pleno a reprobación da concelleira de educación, Carmen Porto, pola “falta de confianza e entendemento coa comunidade educativa”.
Na moción conxunta presentada por BNG e Espazo Común alúdese á mala relación da concelleira coa maioría das ANPAS do concello de Ames pero tamén ao sucedido nos Consellos Escolares Municipais celebrados nas últimas semanas.
Os grupos lembran que no Consello Escolar Extraordinario do 16 de abril, solicitado polas ANPAS e os grupos da oposición, “producíronse unha serie de ataques a membros dalgunhas ANPAS (incluso persoais) e mesmo desencontros coa dirección dalgúns dos centros do concello de Ames”.
Tamén se critica que se debateran temas que non estaban previstos na orde do día de dito Consello Escolar e dos que non tiñan coñecementos os representantes da comunidade educativa que asistiron á reunión.
A isto engádese que desde aquel momento “non se está a dar resposta ás solicitudes de información por parte das ANPAS. Polo que actualmente a relación entre as ANPAS e Dona Carmen Porto Rey é inexistente”. Na moción BNG e Espazo Común solicitan “que se poñan todos os medios posibles por parte do goberno municipal para a recondución da situación polo ben de todos e de todas”.
A polémica sobre o contaxio de Ventín continúa
Por outra banda as dúbidas arredor do contaxio alimentario sucedido en Ventín seguen sen ser despexadas. A ANPA publicou un documento no que manifesta as dúbidas sobre o orixe do contaxio e pide que se faga público canto antes o informe de sanidade.
Os representantes dos pais engaden ademais que ao longo de toda a última semana seguiron chegando novas de contaxios. Piden que se aclaren as “incoherencias entre os datos que se están a difundir e os que eles manexan”.