Carmen Porto renuncia a súa acta de concelleira por motivos persoais e será substituída por Beatriz Martínez Domínguez que asume as áreas de Educación, Mocidade e Mobilidade.

O concello de Ames informou as dúas da tarde da renunica da concelleira de educación, Carmen Porto Rey. Segundo o comunicado a concelleira deixa a súa acta por motivos persoais. A toma de posesión de Beatriz Martinez, que será a substituta, será o vindeiro 27 de novembro no pleno ordinario.
Carmen Porto foi concelleira de educación desde o inicio de este mandato. O seu traballo sempre estivo cuestionado pola comunidade escolar. O punto álxido de este enfrontamento tivo lugar en maio do 2024 cando, tras un Consello Escolar moi tenso, BNG e Espazo Común presentaron unha moción de reprobación que non saíu adiante pola abstención do Partido Popular.
Beatriz Martinez substituirá a Porto
Beatriz Martínez, con formación en Empresariais, xestionou durante sete anos un centro de estudos en Ourense. Foi presidenta da ANPA do IES do Milladoiro entre 2016 e 2019 e concelleira de goberno no mandato 2019–2023, xestionando as áreas de Mobilidade, Tráfico e Transporte. Actualmente desempeña tarefas administrativas no Gabinete de Alcaldía do Concello de Ames.

Con esta incorporación, Martínez asumirá as áreas de Educación, Mocidade e Mobilidade, esta última xa coñecida para ela pola súa experiencia no mandato anterior. Pola súa banda, o edil Víctor Manuel Fernández Prieto continuará á fronte das áreas de Urbanismo, Administración Xeral, Persoal e Seguridade.
A xa ex-concelleira, Carmen Porto Rey, despedirase no vindeiro pleno e explicou que deixa o cargo por “motivos estritamente persoais que me impiden seguir desenvolvendo a miña labor coa dedicación que este posto require”. Desde o Goberno municipal queren poñer en valor o traballo realizado por Carmen Porto e desexarlle o mellor nesta nova etapa. O alcalde, Blas García, agradeceu “a dedicación e perseveranza demostrada á fronte das áreas que xestionou, sacando adiante reformas de gran calado”.
