Ames, 1 de marzo do 2022 – O concello de Ames repite a fórmula dos bonos como medio de incentivar o consumo coa presentación das tarxetas “Ames Progresa”.
“Ames Progresa” desenvolverase ata o 30 de abril. Son 219 establecementos adheridos e 80.000 euros en investimentos desde o concello. As persoas que o desexen poderán retirar tarxetas bono por valor de 50 euros, ás que o Concello aporta o 40% do seu valor.
No caso de contar con tarxetas da campaña 2021, poderase recargar só unha delas, co mesmo valor que o ano pasado. Os bonos poderán retirarse ou recargarse nos locais das asociacións empresariais amesás, Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), Palmira Bulebar e Novo Milladoiro.
Presentación de “Ames Progresa”
O Salón de Plenos da Casa do Concello acolleu a presentación de esta campaña. Ao acto asistiron o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz; o técnico de Promoción Económica, Jorge Couñago, e representantes das tres asociacións comerciais e empresariais, a Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), Palmira Bulebar e Novo Milladoiro.
Os establecementos que participan lucirán unha pegatina cun código QR no que consultar todos os negocios que participan na campaña. Ademais das recargas previstas nas tarxetas do 2021 está prevista a emisión de 500 novas tarxetas de 50€, dirixidas a persoas que se sumen por primeira vez á campaña.
O alcalde de Ames, Blas García, explicou que “Foi unha das accións tomadas a partir da crise que mellor recepción tivo tanto entre os comerciantes como entre a cidadanía, nuns momentos nos que parece que todo sube de prezo”.
O Concello de Ames destinará 75.000 euros a estas tarxetas, ás que aporta o 40% do seu valor. Os 5.000 euros restantes servirán para cubrir gastos de xestión das tarxetas, así como para a contratación de dúas persoas para apoiar na emisión e recarga dos bonos.
“Esperamos que se vendan todas as tarxetas e que se apoie o comercio local”, sinalou o técnico Jorge Couñago, que recordou que estes fondos funcionan non só como axuda ás veciñas e veciños, senón tamén como “unha subvención ás vendas e a actividade do comercio que suporán un volume de negocio de 187.500 euros para os establecementos adheridos”.
Horarios e lugares de retirada e recarga das tarxetas
As tarxetas poderán retirarse de 11:00 a 13:30 horas e de 17:00 e 19:30 horas. En Bertamiráns, o local de venda é a sede de XEA, situada na rúa do Pedregal, número 4. Pola súa banda, no Milladoiro atenderase pola mañá no local da Asociación Empresarial Novo Milladoiro, na rúa Palmeira, número 19, mentres que pola tarde as tarxetas emitiranse no local de Palmira Bulebar, na rúa Viorneira, número 1.
Do valor total da tarxeta de 50 euros, a persoa beneficiaria aportará 30 euros e o Concello de Ames 20, mentres que na de 100 euros, as beneficiarias achegarán 60 e o Concello, 40 euros. Será a parte aportada polas beneficiarias a que se gaste primeiro nas compras nos comercios e empresas amesás. Por esta razón, non se devolverá o importe dos bonos unha vez rematada a campaña. Os saldos das tarxetas poderán consultarse na páxina web www.damemisaldo.com.