Bisbarra, 30 de xaneiro do 2024 – O concello de Ames ven de presentar a programación de Entroido que incluirá concursos de adultos e infantil ademais dos clásicos desfiles.
O Entroido de Ames organizase en colaboración coa asociación Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA). Desenvolverase do 7 ao 12 de febreiro e na presentación participaron o alcalde e concelleiro de Cultura, Blas García; a concelleira de Benestar Social, Igualdade e Voluntariado, Uxía García; a técnica do departamento de Cultura, María Vázquez; e mailo presidente de Xuntanza de Empresarios de Ames, Jorge López.
Programación do 7 ao 12 de febreiro
A programación comeza o mércores, 7 de febreiro, ás 19.00 horas, co “Concerto Miúdo” da Escola Municipal de Música de Ames, que se vai realizar no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. Actuarán 57 rapaces e rapazas das agrupacións/combos de música e movemento; linguaxe musical; violín “Jóvenes Águilas”; piano; canto e piano; combo de voces; guitarra; combo folk; combo EMMA e combo voces.
As actividades continúan o venres 9 coa festa de Entroido do programa Amessan e co festival de Entroido da EMMA. A Casa de Maiores de Bertamiráns acolle a festa de Entroido do programa Amessan. A partir das 17.00 horas, os asistentes poderán desfrutar de música en directo, moita diversión e dunha merenda. Haberá autobuses para asistir ao evento dende as paradas de costume, reservando praza ata o 6 de febreiro, chamando ao número de teléfono 662 377 044. Este ano a temática da festa é libre, os/as asistentes poden acudir disfrazados do que queiran. O importante é asistir disfrazado e pasar un bo rato de lecer.
Por outra banda, o festival de Entroido da EMMA será o venres 9 de febreiro, ás 20.00 horas, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. Neste festival participarán 65 rapaces e rapazas das agrupacións/combos de piano; frauta; grupo “Pesadillas de Aga”; combo EMMA e combo voces; grupo de música para adultos; combo “Nunca é tarde”; combo iniciación; combo xuvenil; e combo de adultos.
Para o sábado 10 está prevista a festa de Entroido na praza de Chavián a partir das 17.30 horas. Haberá unha exhibición de baile a cargo do Club deportivo de baile Danzaya. Tamén actuarán os coros do programa Amessan: Elelas e Voces da Maía; e maila charanga tributo Carlinhos Brown.
Concurso e desfile
O domingo, 11 de febreiro, organízase o concurso e desfile de Entroido do Concello de Ames e poderán participar todas as persoas a nivel individual ou en grupo, asociacións legalmente constituídas, comunidades, etc. As persoas menores de idade terán que participar baixo a responsabilidade dunha persoa adulta, que actuará como representante para todos os efectos que se deriven do concurso. As asociacións serán representadas pola persoas que asuma o cargo da presidencia ou persoa en quen delegue.
As inscricións realizaranse no correo electrónico xuntanzaempresariosames@gmail.com ata o 8 de febreiro como data límite. Para realizar a inscrición deberanse achegar os seguintes datos, título do disfrace, nome e apelidos da/s persoa/s representante/s, DNI, teléfono de contacto, e número de compoñentes. Tamén se poderá facer de forma presencial na Casa da Cultura do Milladoiro o propio día 11 de 15:30 a 16:30 horas.
Os/as participantes deberán presentarse na Casa da Cultura do Milladoiro o domingo 11 de febreiro, entre as 16:00 e as 16:30 horas. O xurado estará composto por tres membros designados pola Xuntanza de Empresarios de Ames e valorará os diferentes disfraces conforme á creatividade, á caracterización e á orixinalidade.
A saída farase ás 17.00 horas dende o aparcadoiro da Casa da Cultura do Milladoiro. Os/as participante percorrerán as rúas do Milladoiro durante unha hora. Ás 18.00 horas farase a entrega de premios na praza de Manuel Murguía. O desfile estará amenizado por Fanfarria Taquikardia.
Establécense tres categorías segundo o número de participantes: individual (de 1 ou 2 persoas); grupos pequenos (de 3 a 10 persoas); e grupos grandes (máis de 10 persoas). Na categoría individual outorgaranse tres premios: 100 euros para o primeiro premio, 75 euros para o segundo; e 50 para o terceiro. Na categoría de grupos pequenos os premios serán de 300 euros para o primeiro, 200 para o segundo, e 100 euros para o terceiro. Na categoría de grupos grandes entregaranse tamén tres premios: 500 euros para o primeiro premio, 300 para o segundo e 150 euros para o terceiro.
Festa e concurso infantil de disfraces
Por último, o luns 12 de febreiro farase a festa e concurso infantil de disfraces. Será na praza de Chavián a partir das 17.00 horas. Contarase coa actuación do grupo Pesdelán e o seu espectáculo Entroidanzas. Ademais, haberá música, un obradoiro de maquillaxes, etc.
O concurso está dirixido ao público infantil (poderán participar nenos e nenas de ata os 12 anos cumpridos e poderán participar ben de forma individual ou en grupos). Os nenos/as para participar terán que estar baixo a responsabilidade dunha persoa adulta, que actuará como representante para todos os efectos que se deriven deste concurso.
As inscricións realizaranse no correo electrónico xuntanzaempresariosames@gmail.com ata o 8 de febreiro como data límite. Para realizar a inscrición deberanse achegar os seguintes datos, título do disfrace, nome e apelidos da/s persoa/s representante/s, DNI, teléfono de contacto, e número de compoñentes. Tamén se poderá facer de xeito presencial na praza de Chavián o propio día 12, de 15:30 a 16:30 horas. Os/as participantes deberán presentarse na praza de Chavián entre as 16:00 e as 16:30 horas.
O xurado estará composto por tres membros designados pola Xuntanza de Empresarios de Ames e valorará os diferentes disfraces conforme á creatividade, á caracterización á orixinalidade, o traballo requirido na elaboración dos disfraces, é dicir se son elaborados total ou parcialmente polos participantes, a utilización de materiais empregados respectuosos co medio ambiente.
Establécense dúas categorías segundo o número de participantes: individual: de 1 ou 2 persoas ata 12 anos cumpridos; e grupos: máis de 3 persoas ata 12 anos cumpridos. Na categoría individual haberá tres premios: 75 euros para o primeiro, 50 euros para o segundo e 25 euros para o terceiro. Na categoría de grupos os importes dos premios son 250 para o primeiro, 150 euros para o segundo e 75 para o terceiro.