Bisbarra, 2 de febreiro do 2023 – Seguimos sumando á axenda concellos que presentan a programación de Entroido e en este caso chegamos á Maía e ao de Ames.
As Concellarías de Cultura e Mocidade presentaron as actividades de Entroido na praza de Chavián, en Bertamiráns. Un calendario organizado en colaboración coa asociación Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA) e no que destaca o desfile o sábado 18 de febreiro no Milladoiro e unha festa de en Bertamiráns o luns 20 de febreiro. Ademais, vaise organizar unha festa con Djs para a mocidade o sábado 18 pola noite e un xantar o domingo 19 no que se servirá cocido e doces típicos de Entroido. Tamén haberá obradoiros nas bibliotecas municipais e concertos a cargo do alumnado da EMMA.
Na presentación participaron as concelleiras de Cultura, Natividade González, e de Mocidade, Escarlata Pampín, o presidente de XEA, Jorge López, e maila xerente de dita asociación, Beatriz López. A responsable de Cultura, Natividade González, sinalou que “o Concello máis XEA sumamos forzas e imos facer un Entroido moi participativo. Todas as asociacións e as AMPAS están convidadas, e, ademais, este ano ofrecemos diversos premios. Dende Cultura levamos anos organizando o Entroido, e a través de XEA intentamos darlle máis cabida para que sexa máis participativo para a xente de Ames. Xa o ano pasado tivemos unha pequena experiencia, a pesar de estar limitados pola COVID, e con esta iniciativa queremos darlle unha volta ao Entroido e facelo máis participativo”.
Pola súa banda a concelleira de Xuventude, Escarlata Pampín, aproveitou para invitar ás diversas actividades á mocidade do Concello. “Somos un concello moi novo, e iso tense que reflectir na programación e nas actividades que se fagan. Imos ter tres días de Entroido, e a mocidade está presente en todos e cada un deses días, e pode participar en todo o que se propón. Vai ser un Entroido diferente, que non deixará indiferente a ninguén e que lembraremos sempre”.
Desfile de Entroido no Milladoiro
O sábado 18 de febreiro haberá un desfile de Entroido no Milladoiro. Sairá ás 17.00 horas dende a Casa da Cultura e rematará na praza de Manuel Murguía. O percorrido anunciarase na web municipal. Contará ademais con animación en rúa a cargo das Pompeiras e dos Dinos Bailongos.
No concurso poderán participar todas as persoas, asociación, comunidades, colexios, etc. As persoas menores de idade terán que participar baixo a responsabilidade dunha persoa adulta, que actuará como representante para todos os efectos. As asociacións serán representadas polo/a presidente/a.
As inscricións realizaranse no correo electrónico xuntanzaempresariosames@gmail.com ata o 15 de febreiro como data límite. Para realizar a inscrición deberanse achegar os seguintes datos, título do disfrace, nome e apelidos da/s persoa/s representante/s, DNI, teléfono de contacto, e número de compoñentes. Haberá catro categorías e tres premios en cada categoría: individual infantil, individual adulto, grupos de 2 a 10 persoas e grupos de máis de 10 persoas. Repartiranse 2.000 euros en premios. O desfile pecharase coa entrega de premios e coa actuación da banda Brassica Rapa.
Festa con Djs para a mocidade
O sábado 18 de febreiro tamén se vai a organizar unha festa de Entroido con Djs e carpa climatizada dirixida á mocidade amesá. Comezará ás 22.00 horas e desenvolverase no aparcadoiro da rúa Alcalde Lorenzo, en Bertamiráns, que está situado detrás das oficinas da Policía Local e do servizo municipal de Urbanismo. Elaborarase un programa especifico para esta actividade. Farase venda anticipada de entradas para acceder á festa.
Comida e baile de Entroido
Para o domingo 19 de febreiro hai programada unha comida e baile de Entroido dirixida a toda a veciñanza de Ames que queira participar. Comezará ás 14.00 horas e tamén será no aparcadoiro da rúa Alcalde Lorenzo. Para xantar servirase cocido e doces típicos de Entroido. O menú terá un custe de 25 euros para as persoas adultas; 12,50 euros para os nenos/as de 6 a 11 anos e será gratis para os nenos e nenas menores de 6 anos. Para o xantar haberá un aforo de 150 persoas.
Os tíckets haberá que mercalos previamente nos establecementos Don Budi e Secretos de Tocador, en Bertamiráns, e na cafetería da Casa da Cultura do Milladoiro. Tamén se poden reservar os tíckets chamando ao número de teléfono 641 11 60 05, que pertence a XEA. Tralo xantar haberá animación e música a cargo dun DJ. A comisión de festas de Bertamiráns disporá dun barra para vender consumicións co fin de recadar fondos para as festas de verán.
Gran festa de Entroido
Por outra banda, o luns 20 de febreiro, a partir das 17.00 horas, celebrase unha gran festa de Entroido na praza de Chavián, en Bertamiráns. A festa comezará coa animación de rúa a cargo da Charanga Os Celtas. Ademais haberá unha exhibición de baile a cargo de Danzaya, representarase o espectáculo Entroido co Señor Patajullo e a Banda Barabullo, actuará a coral do programa Amessan; e haberá un recital de coplas de Entroido.
Obradoiros de Entroido nas bibliotecas municipais
Ademais as bibliotecas municipais de Ames preparan un novo obradoiro co gallo da celebración do Entroido, que xirará en torno á creación de máscaras do Entroido tradicional galego. O taller, que está dirixido á rapazada de 3º a 6º de Primaria, terá lugar o venres 10 de febreiro, ás 17.30 horas, no Milladoiro, e o sábado 18, ás 11.30 horas, en Bertamiráns. É preciso anotarse previamente para participar, e as inscricións pódense facer escribindo ao enderezo electrónico biblioteca@concellodeames.gal ou chamando aos números 981 53 08 07 (no caso de asistir ao obradoiro do Milladoiro) ou 981 88 48 29 (no caso de asistir ao de Bertamiráns).
As inscrición para o obradoiro do Milladoiro hai que facelas do 30 de xaneiro ao 7 de febreiro e para o obradoiro de Bertamiráns entre o 6 e o 15 de febreiro. A veciñanza tamén se pode achegar as bibliotecas para coñecer as mostras bibliográficas de Entroido e o que están preparando sobre o Entroido galego.
Programación de Entroido da EMMA
Por último, o alumnado da Escola Municipal de Música de Ames ofrecerá un concerto miúdo de Entroido o mércores 15 febreiro, ás 18:30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro, e mailo festival de Entroido da EMMA, que se celebrará o venres 17 de febreiro, ás 19:30 horas, tamén na Casa da Cultura do Milladoiro.