Ames, 23 de xaneiro do 2020 – O concello de Ames ven de presentar a programación cultural dos próximos meses na que se inclúen pezas de teatro, danza e concertos de música ata un total de 13 funcións de nove compañías distintas.
Esta programación de Ames, para o primeiro semestre do ano, foi presentada na Casa da Cultura do Milladoiro. Asistiron Natividade González, concelleira de Cultura, Anxo Lourenzo, Director Xeral de Políticas Culturais, e representantes das diferentes obras de teatro e actuacións que se desenvolverán nos próximos meses
Subvención do AGADIC
A programación está subvencionada por AGADIC. A concelleira de Cultura, Natividade González, explicou que “Ames é un concello que xa ven dende o anterior goberno apostando polas artes escénicas, e así o demostran os datos, xa que máis de 2500 persoas pasaron por estes pequenos auditorios durante o ano pasado para ver diferentes espectáculos”.
Pola súa parte, o Director Xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, afirmou que “a Rede Galega de Teatros e Auditorios é unha aposta pola que seguiremos investindo, colaborando cos concellos”. Anxo tamén recalcou que “tendo en conta cifras de AGADIC, neste primeiro semestre do ano haberá 28 actuacións e 18 estreas absolutas, das cales algunhas se encontran aquí hoxe, repartidas en 45 espazos técnicos de 40 municipios de Galicia e cun investimento conxunto entre Xunta e concellos de algo máis de un millón e medio de euros”.
Programación
A programación comeza o próximo venres 31 de xaneiro e rematará en abril. A primeira das obras de teatro que comprende a programación é Curva España do Grupo Chévere. Esta peza de teatro contemporáneo desenvolverase o venres 31 de xaneiro, ás 21.00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns.
En febreiro, o venres 7, terán cabida dúas citas. A primeira delas, o concerto de música rock por parte do grupo A Gramola Gominola, terá lugar na Casa da Cultura de Bertamiráns, mentres que a obra de teatro O Electo, de Contraproducións SL, terá como escenario a Casa da Cultura do Milladoiro. Xa o venres 14, é a quenda de Teatro do Noroeste coa estrea da súa obra As Virxes Salvaxes na Casa da Cultura de Bertamiráns.
No mes de marzo inaugura a programación unha obra destinada a un público infantil: SÓ da compañía Xampatito Pato. Será o venres 6 de marzo na Casa da Cultura do Milladoiro. Ese mesmo día tamén se desenvolverá na Casa da Cultura de Bertamiráns O meu mundo non é deste reino, peza teatral de Teatro da Ramboia que foi a gañadora do Premio Manuel María de Proxectos Teatrais.
Seguidamente, o venres 13 de marzo, a compañía Producións Teatrais Excéntricas SL representará Medida x Medida de Shakespeare na Casa da Cultura do Milladoiro. Mentres que o venres 27 Talía Teatro amenizará o día Mundial do Teatro con dúas obras, unha na Casa da Cultura de Bertamiráns e outra na do Milladoiro. A primeira delas será a encargada de acoller a obra Lambetadas, destinada a un público infantil, mentres que a segunda acollerá Vida de Cans, para un público adulto.
O último mes desta programación de música, teatro e baile do Concello de Ames é abril. Así, o venres 17 dese mes volve Producións Teatrais Excéntricas SL ao concello, desta vez coa súa obra Cadaval conta… Vacas, Guerras, Porcos e Cregos. Unha contada de Quico Cadaval que terá lugar na Casa da Cultura de Bertamiráns. Ademais, con motivo da conmemoración o día 29 de abril do día Internacional da Danza, o venres 24 chega á Casa da Cultura do Milladoiro a compañía de danza de Fran Sieira, cunha obra de baile tradicional galego no marco da danza contemporánea. Este espectáculo será o encargado de dar por finalizada esta programación para o primeiro trimestre do ano, que espera encher os auditorios amesáns en toda as funcións.
