A Xunta, a través de Augas de Galicia, comprometeu en 2022 a reparación da infraestrutura en Ponte Maceira e, xa no ano 2023, anunciou a elaboración dun proxecto valorado en 392.000 euros, con prazo de execución de cinco meses

O Concello de Ames denuncia a paralización por parte da Consellería de Medio Ambiente de do proxecto de reparación da presa da Ponte Maceira, unha infraestrutura hidráulica e patrimonial estratéxica, situada entre os concellos de Ames e Negreira, e recoñecida como Ben de Interese Cultural (BIC).
A presa, situada no río Tambre, no lugar de Ponte Maceira en pleno Camiño de Santiago, leva dende 2022 en estado de deterioro, tras unha rotura que afectou gravemente á súa estrutura, sendo este deterioro denunciado de maneira reiterada ante os organismos competentes.
A Xunta, a través de Augas de Galicia, comprometeu en 2022 a reparación da infraestrutura e, xa no ano 2023, anunciou a elaboración dun proxecto valorado en 392.000 euros, con prazo de execución de cinco meses. A propia conselleira de Infraestruturas naquel momento, Ethel Vázquez, confirmou a finais de agosto de 2023 que o proxecto estaba en fase de supervisión e tramitación previa á licitación.
A día de hoxe os concellos non recibiron ningunha resposta ás múltiples solicitudes de información, peticións de xuntanzas, e mesmo á declaración institucional aprobada por todos os grupos municipais de Ames no pleno de maio de 2025, instando a actuar de forma inmediata para preservar a integridade da presa.
A nova aparecida nos medios de que para a Consellería de Medio Ambiente de Ángeles Vázquez esta actuación “non é prioritaria nin urxente” e que “non hai data prevista de execución” sorprendeu a Ames e Negreira xa que contrasta coas realizadas por realizadas por Ethel Vázquez no 2022
Dende o ano 2023, o goberno do Concello de Ames, mantivo varias comunicacións co departamento autonómico solicitando información sobre o avance do proxecto, e reiterando a necesidade da súa execución.
Contactos sobre Ponte Maceira
O 31 de xullo de 2023, o alcalde, Blas García, contactou coa Xunta de Galicia para interesarse polo estado do proxecto, recibindo resposta directa da conselleira Ethel Vázquez; o 14 de febreiro de 2024 o Concello de Ames remitiu un escrito oficial reiterando a necesidade urxente de iniciar as obras; o 17 de xuño de 2024 o Concello de Ames realizou outra comunicación advertindo do agravamento da situación e solicitando reunión presencial; durante a xornada do 2 de setembro de 2024 o Goberno municipal solicitou por rexistro oficial unha actualización sobre os prazos de execución; por último, o 28 de maio de 2025, o Pleno de Ames aprobou por unanimidade unha declaración institucional impulsada polo grupo socialista, o grupo de goberno, para executar o proxecto de reparación da presa.
Desde o Concello de Ames, rexéitase totalmente este cambio de postura da Xunta tras o relevo da conselleira ao cargo desta actuación, agora dirixida por Ángeles Vázquez, que rompe unilateralmente o compromiso adquirido anos atrás.
Por outra banda, tamén se denuncia a falta de respecto institucional que supoñen as afirmacións realizadas na prensa despois de ignorar sistematicamente as comunicacións enviadas dende esta institución. Por este motivo esíxense explicacións por parte da conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, sobre este cambio de postura así como a inmediata execución do proxecto de reparación.
