Ames, 14/07/2026 – O Festival Emerxente celebrarase no parque do Ameneiral de Bertamiráns, Ames, o vindeiro seis de agosto. Será a segunda edición e nela participarán Lg1do, Alddara, Fran Saint Laurent, Metan e Dupliss. A cita, organizada polo departamento de Mocidade do Concello de Ames, forma parte do programa de Ames en Festas 2026.
O alcalde e concelleiro de Cultura, Blas García, explicou que “Emerxente xurdiu despois da proposta de dous rapaces de Bertamiráns e de Brión, que querían dispor dun espazo para poder actuar diante do público. Para nós é importante darlle unha oportunidade aos artistas locais e da contorna, para que teñan a oportunidade de darse a coñecer, e ao mesmo tempo, apoiar á mocidade que fai música urbana”.
A concelleira de Mocidade, Beatriz Martínez, dixo estar “moi orgullosas de dar continuidade ao Festival Emerxente, con artistas mozos/as da contorna, que comezan a destacar no panorama musical urbano e que están logrando un gran impacto nas plataformas dixitais”.
Por outra banda, interviron durante a presentación Pelayo González, cantante de Lepayitss, e Daniel Prieto, produtor e coñecido artisticamente como PRTO, que son dous dos impulsores do Festival Emerxente de Ames.
Daniel Prieto dixo que “a primeira edición do festival estivo moi ben e naceu dunha idea que tiñamos de dar concertos a partir dun álbum que sacamos en conxunto. Presentámoslle esta idea ao Concello de Ames, que se mostrou receptivo e fomos evolucionando ata a organización deste festival. Este ano imos traer a un artística xa coñecido como é Lg1do co obxectivo de que o público que o veña ver, aproveite para coñecer a outros artistas que están comezando e menos coñecidos”.
Pelayo González explicou “este ano temos grandes expectativas con este festival ao traer a un artista coñecido como é Lg1do. Queremos que o público que veña ver a Lg1do tamén poida coñecer o resto de artistas emerxentes. A nosa idea é darlle continuidade no tempo a este festival e que se converta nunha referencia da música urbana emerxente”.

Cabeza de cartel: Lg1do
Como cabeza de cartel actuará Saúl Rodríguez Maroñas, nado en Santa Comba, e máis coñecido coma Lg1do, que fai música en galego de estilo urbano, trap e reguetón. Lg1do comezou a súa traxectoria musical de xeito afeccionado, creando temas e diferentes programas de composición en SoundCloud co seu teléfono móbil. As súas primeiras composicións datan do ano 2021, sendo pequenas pezas de trap e bases de música que subía, en castelán, a plataformas como YouTube.
Segundo o artista, as súas influencias musicais eran Drake, C Marí e o muradés 9Louro. A finais do ano 2025, Lg1do lanzou os seus dous primeiros sinxelos: Frente a frente e Calm Down. En 2026, en colaboración co artista vigués Guzmen, publicou o tema Darche, que, en febreiro deste ano, chegou ao Top 50 da lista de éxitos virais de Spotify. No mesmo ano participou no festival Ulla Fest, no concello de Touro.
Alddara, Fran Saint Laurent, Metan e Dupliss
O festival emerxente deste ano contará coa participación de catro artistas solistas como son Alddara, Fran Saint Laurent, Metan e Dupliss. Os catro estiveron na presentación realizada no parque do Ameneiral e falaron sobre que tipo de música fan, a súa traxectoria musical e da súa participación neste festival.
A primeira en falar foi Alddara, unha artistas nada en Rianxo que na actualidade vive en Barcelona. “Fago pop urbano e chill e levo un par de anos facendo música. Comecei facendo música en castelán e agora estou facéndoa máis en galego. Na actualidade estou centrándome en facer un proxecto persoal en vez de cantar cancións doutras persoas. É fundamental facer este tipo de iniciativas porque é a maneira de darlle visibilidade á xente nova, que non dispón doutras plataformas para darse a coñecer, e para facer xuntanzas deste tipo nas que coñeces a outros artistas da industria musical que están comezando. Paréceme boa boa idea tamén para crear lazos e conexións con outros/as artistas”.
De seguido interviu Fran Saint Laurent, que explicou “comecei este ano en febreiro a facer música. Son de Santiago e na actualidade ando facendo música e dirixindo vídeoclips. Fago música urbana, movéndome entre o trap e o drells, tirando cara un estilo máis melódico. Estas iniciativas están moi ben, danos moita visibilidade, sobre todo aos que estamos comezando, e ademais permítenos coñecer xente que está comezando no mundo da música coma min”.
Dupliss, veciño de Bertamiráns, dixo “levo facendo música dende hai tempo, sen subir nada, e hai un ano comecei a subila a plataformas. Fago música de xénero underground e urbano. Este festival é unha gran iniciativa para axudar aos artistas que non teñen un gran número de visitas e reproducións e para darlles visibilidade”.
Por último, Metan, veciño do concello de Brión, explicou “fago música de estilo trap e reguetón. Xa levo preto de catro anos escribindo música. En solitario non teño publicacións, só teño colaboracións por agora, pero dentro de pouco vou empezar a publicar cancións en solitario para poder subilas e cantalas en concertos. Este tipo de iniciativas é algo que necesitan estes xéneros musicais e as persoas que están crecendo e empezando a publicar música. O ano pasado participei neste festival como invitado no concerto de Lepayitss e Prieto e foi unha boa experiencia”.
