Ames, 7 de febreiro do 2022 – O bo resultado acadado polos bonos de impulso ao comercio levan ao concello de Ames a unha nova emisión de estas tarxetas a partir do 1 de marzo.
Dende a Concellaría de Promoción Económica lembran que ata o 15 de febreiro está aberto o prazo para que os establecementos amesáns se poidan adherir á campaña de tarxetas bono Ames Progresa. O trámite de inscrición hai que facelo a través da Sede electrónica do Concello de Ames.
Máis de cen comercios anotados
Poden adherirse á campaña todos os comercios e locais de hostalería e restauración do termo municipal de Ames, excepto os espazos de gran distribución destinados á alimentación (hipermercados ou supermercados pertencentes a grandes cadeas), as estacións de servizo de combustible e as salas de xogo/apostas. Quedarán tamén excluídos as farmacias e demais establecementos sanitarios, así como os estancos. Na actualidade hai adheridos á campaña 100 establecementos.
Cómpre destacar que os establecementos que se adheriron á campaña en 2021, se están interesados, deben volver facer a inscrición para poder participar na campaña de 2022. Asemade, poden inscribirse establecementos novos que non participaran na edición anterior.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz lembrou que “nas dúas fases da edición de 2021 puxéronse en movemento un total de 430.000 euros. Quero agradecer ás tres asociacións de empresarios que temos no concello por volver un ano máis a colaborar na venda das tarxetas, e por seguir apoiando ao comercio e a hostalaría amesá”.
A campaña comeza o 1 de marzo
A campaña Ames Progresa desenvolverase neste ano 2022 entre o martes 1 de marzo e o sábado 30 de abril, nos que a potencial clientela do tecido comercial e da hostalaría amesá poderá facer uso das súas tarxetas bono. Ás tarxetas en funcionamento durante a anterior edición sumaranse 500 novas, que nesta ocasión terán un valor de 50 euros, cun prezo de 30 euros para a veciñanza.
Todas aquelas persoas que adquiriron unha tarxeta bono na edición de 2021, poderán recargala por valor de 50 ou 100 euros (só se poderá recargar unha tarxeta se se dispón das dúas), pero non poderán adquirir unha nova da edición de 2022. Terán que usar a tarxeta que xa teñen da edición anterior. Deste xeito, as tarxetas bono da edición anterior poderanse recargar polo mesmo valor que tiñan o ano pasado.
Do valor total da tarxeta de 50 euros, a persoa beneficiaria aportará 30 euros e o Concello de Ames 20, mentres que na de 100 euros, as beneficiarias achegarán 60 e o Concello, 40 euros. No caso de posuír ambas tarxetas da edición do 2021, deberase escoller cal das dúas se quere recargar, xa que só se permite unha tarxeta como máximo por persoa. Tanto as novas solicitudes como as recargas das tarxetas-bono xa existentes comezarán a partir do martes 1 de marzo.
Cun investimento duns 75.000 euros para as tarxetas bono, o Concello de Ames aportará o 40% do valor de cada tarxeta-bono, sendo a persoa beneficiaria a que engada o 60% restante. Será a parte aportada polas beneficiarias a que se gaste primeiro nas compras nos comercios e empresas amesás. Por esta razón, non se devolverá o importe dos bonos unha vez rematada a campaña.
A Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA) é a entidade colaboradora do Concello nesta ocasión, mais cómpre sinalar que as outras dúas asociacións empresariais e comerciais amesás, Viorneira Palmira Bulevar e Parque Empresarial Novo Milladoiro, chegaron a un acordo con XEA para que xestione a campaña.