O Partido Popular explica que a partida destinada ó rural estaba consignada nos orzamentos de Ames pero agora traspasouse para a cociña central
O Partido Popular de Ames ven de emitir un comunicado no que explica que é unha decisión difícil de entender a “supresión do servizo de desbroce, limpeza e mantemento dos núcleos rurais. Os populares lembran ademais que este servizo “foi presentado no seu día por un concelleiro de Obras de nome Blas García explicando que era un avance máis do goberno municipal”.

O PP pon datas a súa denuncia e engade que en outubro do 2020 anunciouse este servizo e que sería prestado por unha empresa externa. En aquel momento asegurouse que “actuaríase nos accesos e interiores dos núcleos rurais incluíndo tamén as zonas próximas a lavadoiros, igrexas, locais sociais, beirarrúas, etc”.
O contrato foi adxudicado en decembro do 2021 e rematou en decembro do 2023 sen que fora renovado. Nos orzamentos do 2024 aparecía crédito para “servizos de limpeza no rural” pero o contrato non saíu a licitación.
O PP explica que no pleno do pasado mes de marzo o goberno local “O que se pretendía era traspasar os 110.000 euros que había consignados para o contrato de servizo de limpeza no rural para outras actuacións, principalmente relacionadas coa cociña central”.
O PP denuncia que quedaron sen opcións xa que “de emitir un voto negativo podería poñer en risco o remate das obras desa cociña central prexudicando a moitos veciños que se van ver beneficiados polo seu funcionamento”.
A portavoz do PP, Oliva Agra, define o servizo de limpeza como “moi importante para o rural, tantas veces abandonado, porque parece que ás veces esquecemos que Ames ten once parroquias con 107 núcleos rurais que precisan deste servizo de desbroce e mantemento. Non entendemos porque non se prorrogou o contrato de limpeza no ano 2023 polos dous anos máis que permitía, nin que se rexeitara a posibilidade de sacalo a licitación de novo, aínda que había crédito previsto nos orzamentos de 2024”.
O PP vai máis alá e achégase á raíz do problema. Oliva Agra critica “a falta de orzamentos municipais para o ano 2025. De estar aprobados, non habería que tramitar un crédito extraordinario e traspasar os cartos dunhas partidas a outras”.