Bisbarra, 19 de febreiro do 2025 – O Partido Popular de Ames ven de emitir unha nota de prensa na que manda un claro recado ao goberno municipal: se quere financiamento para o centro multifuncional do Milladoiro primeiro hai que aprobar os orzamentos.

Moitas das decisións do goberno socialista de Blas García, en minoría, sustentáronse nos votos do PP. A máis recente o cambio do regulamento dos comedores, como contamos en Lindeiros. Esta nota de prensa do Partido Popular é un claro aviso a navegantes sobre o futuro do centro Multifuncional do Milladoiro.
Un edificio con mal pe
O certo é que o edificio do Milladoiro que será, cando sexa, o centro multifuncional foi desde o principio un problema. Despois de ter fondos europeos asignados que supoñían o 80% do proxecto non se rematou a tempo é perdéronse.
Os retrasos obrigaron a modificar custos e mesmo eliminar unha planta pola alza do prezo dos materiais. O goberno municipal o sacou de novo a licitación coa intención de pagar o máis de millón de euros con fondos propios pero agora o Partido Popular pon en contexto esa intención.
O goberno municipal está a piques de adxudicar a obra para que comece entre maio e xuño e remate en seis meses. No seu comunicado o PP considera “unha boa nova esta adxudicación en tanto que beneficia ós veciños, pero non deixa de pensar que a peor mentira é unha media verdade. O Concello non pode anunciar ós catro ventos o comezo dunha obra cando aínda non sabe se poderá levarse a cabo”.

O Partido Popular é moi claro no seu posicionamento “esta adxudicación debe quedar suspendida ata que se aproben os orzamentos de 2025 de xeito definitivo. E para que iso sexa unha realidade semella que aínda falta moito camiño por andar”.
A portavoz do PP, Oliva Agra espera que “o Centro Multifuncional do Milladoiro sexa pronto unha realidade e, como en cada actuación que beneficie ós veciños, o PP está aberto a axudar”. Ao mesmo tempo o PP “lamenta a perda dos fondos europeos, situación que obriga ó Concello a asumir o gasto en solitario. A previsión inicial era que un 80% da financiación do proxecto chegara dos fondos europeos do Plan Edusi, pero a paralización dos traballos non permitiu rematar a construción dentro do plazo que daba dereito a eses fondos prexudicando de xeito notable ás arcas do Concello”.
Semella que o goberno municipal de Ames terá que buscar oco na axenda para negociar acordos coa oposición se quere sacar a diante o proxecto do centro multifuncional do Milladoiro. Se o consigue veremos en que apartados ten que ceder.
