Ames, 11 de novembro do 2021 – O concello de Ames inaugurou este mércores A Proa, o coworking centrado no audiovisual situado no Polígono Novo Milladoiro.
A Proa é un proxecto madurado durante os últimos anos que comezou con José Miñones como alcalde. Na presentación participaron o propio Miñones, agora Delegado do Goberno; o actual alcalde Blas García e o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, xa que ese organismo aportou o fondo económico necesario para que se convertera en realidade.
A Proa pasa ademais a formar parte da rede de centros coworking da Deputación. Na apertura estaban tamén o ex alcalde de Brión, José Luís García, e o actual, Pablo Lago, xa que ese concello ten outro dos coworking, centrado en este caso no sector alimentario. Dase a circunstancia que José Luís García era deputado provincial cando o proxecto de Ames comezou a andar e foi un dos seus apoios.
O centro estará especializado nos sector audiovisual e tecnolóxico e aspira a ser clave na transformación socioeconómica do municipio. Dispón de 39 módulos de traballo para persoas emprendedoras e as solicitudes poden presentarse a través da sede electrónica do Concello de Ames. González Formoso destacou que os centros de coworking da Rede da Deputación permitiron xa a 200 emprendedores desenvolver os seus proxectos sen marchar de Galicia.
A obra de acondicionamento desta infraestrutura púxose en marcha a través dun convenio de colaboración establecido entre a Deputación e o Concello polo que o ente provincial achegou 200.000 euros, máis do 35% do investimento necesario para a posta en marcha do centro.
O local, que ocupa a planta baixa do edificio de entrada ao parque empresarial do Milladoiro, recibe o nome de ‘A Proa’ pola súa forma de barco. A súa localización estratéxica servirá ademais como referente e punto de información para todos aqueles emprendedores ou empresas que decidan iniciar o seu negocio en Ames.
Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo
O coworking ‘A Proa’ súmase así á Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación da Coruña, que está conformada tamén polo Pazo de Arenaza en Oleiros, o Fórum de Carballo, Daquí Darredor en Brión, LabBarbanza de Boiro, o coworking da Capela, o centro de desenvolvemento comarcal A Fusquenlla de Moeche, o Green Coworking das Pontes, A Estación de Vedra e o coworking do concello da Pobra do Caramiñal, que se unirá formalmente en breve.
Os cambios que afectaron nos últimos tempos ao xeito de concibir o traballo, así como á evolución das novas tecnoloxías e ao pulo das novas modalidades da economía de carácter social e colaborativo, foi considerado polo Concello de Ames como un eixo de futuro para a creación, posta en marcha e dinamización dun coworking enmarcado na Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación da Coruña. O obxectivo é contribuír así á creación de novas iniciativas empresariais ás que se lles prestará un abano de servizos de apoio, seguimento e asistencia técnica xeral para impulsalas e afianzalas no tempo.
A importancia deste programa radica non só na súa natureza de colaboración público-privada e no seu ámbito de actuación nun dos territorios máis emprendedores da provincia, senón sobre todo, por todos os recursos que a través del se poñerán en prol do desenvolvemento e benestar do concello de Ames e da provincia da Coruña en xeral, a través da formación e profesionalización, o fomento do espírito emprendedor, a creación de empresas, a mellora da competitividade, a colaboración interempresarial e a atracción e retención de talento.
Mais información sobre a Rede Provincial de Espacios de Traballo: https://redecoworking.pel.gal
As solicitudes deben presentarse de xeito telemático na sede electrónica do Concello de Ames e toda a información relativa ao coworking pode atoparse na súa páxina web: https://www.espazoaproa.gal/. Terán prioridade de acceso os proxectos que pertenzan a sectores relacionados coa tecnoloxía e o audiovisual e, ata o momento, xa se recibiron 55 solicitudes para traballar neste espazo.
