Bisbarra, 3 de febreiro do 2025 – A modificación do Regulamento da rede municipal de comedores escolares, Bos días cole e Tardes divertidas foi o centro do pleno, e da liorta política, da último sesión celebrado en Ames.

O debate levou posteriormente ao BNG de Ames a acusar ao goberno socialista de Blas García de “estarse tornando de dereitas”. Unha afirmación que coincide en tempo coa nota de prensa emitida polo Partido Popular na que se di que o regulamento “encaixaría perfectamente nun Concello no que gobernase o Partido Popular”.
A normativa saíu adiante cos votos de Psoe e PP e a oposición de BNG e Espazo Común. A principal crítica da oposición, a excepción do PP como xa se dixo, é a falta de consenso coa comunidade escolar.
Luísa Feijóo de Espazo Común lembrou que “o borrador someteuse a votación no consello sectorial, celebrado en decembro, e no que non se chegou a un consenso, polo tato non tivo a aprobación da comunidade educativa. Deste xeito vulnérase o acordo que se tiña de consensuar temas de especial interese como é este regulamento. Hai que recordar que catro ANPAS votaron en contra e ningunha votou a favor”.
Polo BNG, Carlos García, preguntouse “porque se queren reducir prestacións nun servizo que funciona tan ben. O regulamento anterior, aprobado por unanimidade e consensuado coa comunidade educativa, funcionaba de maneira satisfactoria. Rematamos o ano 2024 subindo as taxas do servizo de comedor, e comezamos o 2025, cun novo regulamento que supón un recorte de dereitos e de calidade do servizo ofrecidos ás familias e ao alumnado, respecto do anterior.
A voceira do Partido Popular, Oliva Agra, destacou “este regulamento aposta pola conciliación das familias. O máis importante é que parte do consenso da comunidade educativa. Fixéronse varias xuntanza de traballo entre representantes das familias, direccións dos centros educativos, técnicos do Concello e partidos políticos. Nestas reunións recolléronse diferentes achegas, incluso houbo achegas dos propios usuarios. Houbo nove achegas e están incluídas todas menos unha, porque non resulta viable”.
A concelleira de Planificación e Xestión Educativa, Carmen Porto, dixo “trátase dunha proposta dialogada na que se recolleron as propostas de toda a comunidade educativa e grupos políticos ao longo de seis xuntanza. Os aspectos máis importantes desta modificación consisten en que os servizos de conciliación sexan servizos por e para a conciliación da vida laboral e familiar, así como que estes sexan para os empadroados en Ames. Somos un Concello prestador de servizos e para facer estes servizos sostibles, vímonos na obriga de tomar decisións, por unha banda modificar a ordenanza municipal, e por outra, o regulamento. É unha actualización que non é sinxela, pero que hai que abordar por responsabilidade política”.
Podes ver a gravación do pleno na canle de Youtube do Concello de Ames.
Servizo de axuda no fogar
A Corporación municipal tamén aprobou por unanimidade a resolución de alegacións e remisión ao Consello Consultivo de Galicia do expediente de resolución do contrato do servizo de axuda no fogar (SAF) do Concello de Ames.
A concelleira de Benestar Social, Uxía García, explicou que “no pleno ordinario do pasado mes de outubro aprobouse por unanimidade o inicio do expediente de resolución do contrato do servizo de axuda no fogar do Concello de Ames, debido a múltiples incumprimentos do contrato por parte da empresa concesionaria do servizo. Estamos traballando arreo para que o antes posible se poida resolver a licitación do novo contrato”.

Neste punto, desestimáronse as alegacións presentadas pola contratista Osventos Innovación en Servizos SL. Ademais, propónselle ao Consello Consultivo de Galicia a resolución do contrato, por causa imputable á empresa contratista, Osventos Innovación en Servizos SL. As causas que motivan a resolución do contrato son os incumprimentos do contrato identificados pola responsable do contrato, sendo tres deles obrigas esenciais do contrato.
Por último, proponse a incautación e perda da garantía definitiva, por importe de 132.337,08 euros, sen prexuízo da indemnización que poda proceder a favor do Concello polos danos e prexuízos que esta resolución culpable lle ocasione. A empresa contratista Osventos Innovación en Servizos SL, deberá seguir prestando o servizo nas mesmas condicións que figuran no contrato asinado o 22 de marzo de 2023, ata a adxudicación do novo expediente incoado, por acordo plenario do 26 de decembro de 2024, para a prestación do servizo de axuda no fogar.
Outros temas
O pleno aprobou por unanimidade os modelos de declaracións de bens e actividades dos concelleiros e concelleiras do Concello de Ames. Segundo explicou o concelleiro de Transparencia, Javier Antelo, “os novos modelos son máis específicos e descritivos. Ademais, as declaracións deberán ser inscritas no prazo dun mes nos correspondentes rexistros, que terán carácter público, e no prazo de tres meses terán que ser publicadas no Portal de transparencia do Concello de Ames. As declaracións que actualmente están cargadas no Portal da Transparencia son válidas, polo que os novos modelos aplicáranse no momento no que faga algunha actualización ou que se incorporen novas declaracións”.
Tamén se aprobou por unanimidade unha moción política do grupo municipal BNG, para a implantación de medidas de prevención e resposta fronte ás inundacións. A través de dita moción ínstase ao goberno municipal a liderar unha estratexia integral que permita minimizar os impactos de posibles inundacións e garantir a seguridade e o benestar da cidadanía, ao tempo que se protexe o entorno natural do municipio a través de diferentes accións que inclúan campañas de sensibilización e formación cidadá e establecemento de convenios, se fora preciso, coa Xunta de Galicia ou outras entidades relevantes para desenvolver accións conxuntas e optimizar os recursos dispoñibles.