Bisbarra, 13 de setembro do 2023 – O pleno ordinario, correspondente a agosto, en Ames tivo un forte contido económico no que destaca un recoñecemento extraxudicial de crédito de máis de medio millón de euros.

A concelleira responsable, Susana Señarís, explicou que os 567.370,19 euros destinaranse a servizos e actividades postos en marcha dende hai varios anos e pendentes de ser aboados. O equipo de goberno, Psoe, contou co apoio do Partido Popular e Espazo Común e a abstención do BNG para sacar adiante este punto.
Non foi tan sinxela a aprobación dunha modificación do suplemento de crédito 1/2023. O concelleiro de obras, Gustavo Nieto, explicou que se trataba de cambiar a obra dunha senda peonil no en tramos do Camiño de Santiago “xa que os permisos de patrimonio e augas de Galicia non chegarán a tempo” por outras obras xa proxectadas pero sen orzamento dabondo como o soterramento dunha liña de media tensión para o novo CEIP do Milladoiro, a comra dunha desbrozadora ou o parque infantil de Framil.
Luísa Feijoo, de Espazo Común, fixo fincapé no informe de intervención que advirte de que esta modificación pode por en risco a estabilidade financeira do concello; criticando tamén a “falta de planificación”.
Alexander Espinosa, do BNG, explicou que os veciños de Trasmonte asegura que a senda peonil data do ano 2020. Engadiu que a obra fora aprobada en pleno e polo tanto tiña que ser executada.
O alcalde, Blas García, dixo que antes de criticar a xestión do actual equipo de goberno
“agardemos polo menos uns meses. A intención é executar a senda peonil en varios tramos urbanos do Camiño de Santiago. Se non se fai agora non quere dicir que non se vaia facer cando haxa o financiamento necesario”.
Este punto foi aprobado co voto a favor dos concelleiros e concelleiras do grupo de goberno e do grupo municipal popular. Os concelleiros e concelleiras do BNG e maila concelleira de Espazo Común votaron en contra.
POS+ Adicional 2/2023
Aprobouse ademais a solicitude de participación no POS+ Adicional 2/2023 cun certo debate sobre a cociña central que se quere construir para os comedores escolares. O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, explicou que “dentro dos proxectos aprobados para o POS+ 2023 estaba incluído un investimentos para habilitar unha nova cociña central para o servizo municipal de comedores escolares. Dende a Deputación da Coruña comunicóusenos que non cumpría cos requisitos para ir no POS principal, polo que a proposta do goberno municipal é cambiar este investimento para financialo con gasto corrente”.
Tanto Espazo Común como o BNG mostraron a súa sorpresa porque os máis de trescentos mil euros de este POOS adicional sexan destinados a gasto corrente e que se consignen para limpeza viaria. Luísa Feijoo dixo que se acababa de aprobar o contrato do lixo polo que non tiña moito sentido pero que si finalmente se detraerían para a cociña o apoiarían. David Santomil, do BNG, dixo literalmente “que non se fiaban” e que existía un requerimento do mes de xullo da Deputación para que a obra da cociña fora modificada que habería que contestar.
Na segunda quenda Santomil explicou ademais que tiveron que pedir en secretaría o segundo requerimento para poder velo. Dixo tamén que este gasto corrente podería destinarse a moitas cousas porque a cociña xa estaba incluída no Pos anterior e polo tanto o lóxico era continuar co expediente.
Este punto saíu adiante co voto a favor dos concelleiros e concelleiras do grupo de goberno, do grupo municipal popular e da concelleiras de Espazo Común. Os concelleiros e concelleiras do BNG votaron en contra.
Pleno completo