Bisbarra, 2 de xaneiro do 2022 – O concello de Ames aprobou, no último pleno do 2022, prorrogar o contrato do ciclo integral da auga, adxudicado a Espina & Delfín, ata o mes de abril do 2024.
O contrato de xestión da auga fora prorrogado no 2021 por un período dun ano. A intención era valorar a municipalización. O sucedido segundo o alcalde, Blas García, é que “Chegado o final de 2022 debido a que non se puideron rematar as xestións para a creación de dita empresa municipal, proponse unha nova prórroga de 16 meses ata o 30 de abril de 2024”.
A oposición mostrouse moi crítica con esta prorroga e votou en contra. O concelleiro de Ciudadanos, José Ramón Oulego, destacou que “o ciclo integral da auga é un servizo básico e como tal non se pode interromper. En decembro de 2021 abstivémonos a pesar de que non estábamos de acordo coa fórmula que se estaba empregando para continuar prestando este servizo, pero nesta ocasión vamos a votar en contra porque entre a prórroga do ano pasado e esta estamos a falar dunha prórroga de 28 meses e consideramos que é suficientemente longa como para sacar este servizo a licitación, en cando non se remata o proceso de creación da empresa municipal da auga”.
Quique Costas de Ames Novo dixo que “Estamos en decembro de 2022 e necesitades 16 meses máis porque non vos deu tempo ou porque este tema non foi unha prioridade para este goberno. Non sei a convicción que tedes para municipalizar este servizo, pero présa creo que non tedes ningunha. Despois de sete anos traedes unha nova prórroga a este pleno, polo que non me parece que xestionarades ben este tema”.
Pola súa banda o concelleiro do Partido Popular, Javier Olmo, dixo “o que se pode sacar en claro é que este goberno é incapaz de xestionar de forma directa este servizo e non será por falta de medios económicos e asesoramento. Sabedes perfectamente que o contrato está vencido e que esta situación non se pode alongar de maneira indefinida no tempo e que hai que acabar con esta situación no prazo máis breve posible. Sumando todas as prórrogas o servizo levará 48 meses prestados sen cobertura contractual”.
O alcalde, Blas García, explicou os traballos feitos ata a actualidade. “No pleno do 30 de xuño de 2021 chegouse a un acordo para determinar a forma máis eficiente e sostible do ciclo integral da auga. Despois constituíuse a comisión de elaboración da memoria xustificativa, que se reuniu durante varios meses. Dita memoria estivo en exposición pública ata o mes de outubro do 2021. En novembro de 2021 dita memoria foi valorada pola comisión. No ano 2022, o 18 de febreiro, por importe de 15.600 euros, adxudicouse o contrato do servizo de asesoramento xurídico e técnico para a implantación da forma de xestión e creación dunha entidade pública municipal. O 18 de febreiro tamén se adxudicou o contrato de servizos de asistencia técnica para a posta en marcha de dita entidade pública para a xestión do ciclo integral da auga, por un importe de 13.000 euros”.
Ademais, defendeu a xestión feita polo Goberno municipal. “En 2015 cando este Goberno municipal tomou posesión o ciclo integral da auga estaba prorrogado. Licitouse o servizo do ciclo integral da auga, que é unha das licitacións máis complexas que ten calquera Concello. Tamén é importante lembrar que o contrato asinado con Espina & Delfín en 2017 foi un contrato totalmente distinto ao que se estaba aplicando noutros Concellos. Por primeira vez o Concello de Ames recibía os cartos da xestión do ciclo integral da auga e despois é o Concello o que lle paga á empresa concesionaria os gastos fixos e variables. Esta xestión permitiulle ao Concello coñecer os beneficios que achega o ciclo integral da auga. Gracias a iso sabemos que en función do ano os beneficios son de entre 500.000 e 600.000 euros. Por iso non é certo que durante o primeiro mandato non se fixo nada. Existe un atraso na xestión deste tema, somos conscientes, pero lévase traballando varios anos no ciclo integral da auga”.
Outros temas
Outro dos temas tratados foi a ratificación do decreto de Alcaldía sobre a ampliación da prórroga do convenio do servizo de atención temperá. Este punto foi aprobado por unanimidade de toda a Corporación municipal. Os Concellos de Ames e Teo asinaron un convenio para a prestación do servizo de Atención Temperá de forma agrupada, que tiña vixencia inicialmente ata o 31 de outubro de 2022. Debido a que ambos Concellos tiñan interese en dar continuidade a dito servizo prorrogouse a vixencia de dito convenio, dende o 1 de novembro de 2022 ata o 30 de outubro de 2023, formalizándose a citada prórroga o 27 de outubro de 2022.
No Concello de Ames a competencia para acordar a prórroga correspóndelle ao Pleno polo que a Corporación municipal tivo que aprobar o prazo da prórroga do convenio. En lugar do período establecido dun ano estableceuse un período de tres anos (dende o 1 de novembro de 2022 ata o 30 de outubro de 2025), condicionado á vixencia da subvención para a prestación do servizo no marco da Rede galega de atención temperá.
Por último, aprobouse por unanimidade a resolución de alegacións e maila aprobación definitiva da modificación do regulamento de funcionamento do mercado de venda ambulante do Concello de Ames. A aprobación inicial da modificación de dito regulamento foi aprobada no pleno ordinario do pasado mes de setembro. No novo regulamento, entre outros puntos, regúlase o horario do mercado ambulante tradicional que se realizará os sábados de cada semana, pola tarde, durante todo o ano, así como a creación dun novo mercado de produtos de horta e artesanía, que tamén se desenvolverá todos os sábados do ano, pola mañá de 10.00 a 14.00 horas, na praza da Maía, en Bertamiráns. Tamén se contempla o incremento de postos no mercado ambulante tradicional.