Bisbarra, 9 de febreiro do 2024 – O concello de Ames investira 979.500,37 euros en distintos proxectos financiados polos plans de obras e servizos da Deputación da Coruña.
O montante total divídese en 551.672,62€ da achega provincial 2024 e 427.827,75 euros da achega de 2023. Os investimentos irán destinados ás parroquias de Biduído, Ames, Ameixenda e nos núcleos urbanos do Milladoiro e Bertamiráns.
No Plan complementario de 2024 recóllese ademais unha partida de 2.711.703.05 euros para investimentos financeiramente sostibles nas parroquias de Ortoño, Ames, Bugallido, Trasmonte, Covas, Piñeiro e Biduído. Tamén dentro do POS+ Adicional 1/2024 contémplanse 157.620,75 euros para o financiamento de gastos sociais extraordinarios.
POS+2024 (Plan Único de Concellos)
Este punto foi aprobado por unanimidade e as actuacións abarcan distintos tipos de obras. Moitas delas inciden na mellora e/ou reparación de distintas vías públicas municipais, algunhas nos camiños interiores de aldeas. As accións a levar a cabo son a pavimentación dunha senda peonil en Coira, Biduído (284.132,67 euros); pavimentación de viarios no núcleo de Casanova, Biduído (129.302,51 euros); e pavimentación de viarios no núcleo de Seares de Abaixo, na parroquia de Ames (138.237,44 euros).
Ademais sufragarase a través da Achega provincial de 2023, que está dotada de 427.827,75 euros, outras tres actuacións. Continuando coas melloras en viarios como por exemplo o proxecto de mellora de seguridade viaria de O Mercuto a Vilar, na parroquia de Ameixenda (205.673,32 euros). Nunha liña similar están previstas as obras da pavimentación das rúas Poeta da Maía, Xesteira e da Fieira en Bertamiráns (118.799,62 euros) e a pavimentación das rúa Pardiñeiros, Panasqueira e Seidón, no Milladoiro, coas que se pretende unha mellora funcional e da seguridade viaria no seu entorno (103.354,81 euros).
Plan complementario de 2024
O Plan complementario de 2024 inclúe investimentos financeiramente sostibles. Con cargo a esta partida preténdese executar doce proxectos que contan cun orzamento de 2.711.703.05 euros. Ese plan complementario contempla nove actuacións nas parroquias de Ortoño, Ames, Bugallido, Trasmonte, Covas, Piñeiro e Biduído. Deste xeito, están previstas as obras da pavimentación da rúa Juan Bueno Bueno (120.550,34 euros), así como a pavimentación de viarios no Castro de Ortoño, ambas as dúas obras na parroquia de Ortoño (149.608,76 euros).
Tamén están previstas obras de pavimentación de viarios no núcleo de Oca, na parroquia de Ames (337.417,10 euros); na aldea de Barreiro, en Bugallido (149.067,35 euros); no núcleo de Vilaverde, parroquia de Piñeiro (262.593,68 euros) e no lugar de Biduído de Arriba, en Biduído (185.104,42 euros). Ademais, contémplanse obras de mellora de seguridade viaria en Covas (128.415,69 euros) e nas Buceleiras, parroquia de Bugallido (237.077,74 euros), así como a execución dunha senda de Ponte Maceira a Carballo, Trasmonte (268.737,99 euros).
Por outra banda, nesta ocasión inclúese no POS+ 2024 o acondicionamento da praza da Cruxa, no Milladoiro (334.772,59 euros). Esta actuación acometerá a mellora das condicións de habitabilidade do espazo público existente conformado polos edificios situados na avenida Rosalía de Castro nº34 e nº36 e na rúa Agro do Medio nº6 e nº 10-14, pretendendo unha mellora na urbanización sin modificar os usos actuais, nin as condicións da contorna. Tamén se contempla o acondicionamento da praza do Concello en Bertamiráns (248.509,44 euros). Estas obras contemplan actuacións de mellora dos pavimentos na praza do Concello de Bertamiráns, a adaptación das redes de servizo existentes, coa retirada de canalización de fibrocemento existente e a súa reposición e a colocación de mobiliario urbano.
Por último, tamén se inclúe neste POS+ 2024 un proxecto para o reforzo das infraestruturas do plan especial para a dotación escolar no Milladoiro (289.847,95 euros). Este proxecto redáctase coa finalidade de facilitar a construción do novo centro educativo no Milladoiro, o núcleo máis poboado do concello de Ames, con máis de 13.000 habitantes e moitos rapaces e rapazas en idade escolar.
POS+ Adicional 1/2024
No POS+ Adicional 1/2024 contémplanse 157.620,75 euros para gastos sociais extraordinarios. Do total de dita contía, destinaríanse 68.384,34 euros para a contratación de tres traballadores/as sociais durante un período de seis meses. Ademais, dedicaranse 79.236,41 euros á ampliación e dotación das partidas municipais destinadas a axudas de emerxencia ás unidades de convivencia en risco de exclusión social. O importe restante, que ascende a 10.000 euros, dedicarase á ampliación do servizo de axuda no fogar, que se adicará a ofrecer o servizo de xantar na casa ás 12 persoas que están en lista de agarda e aquelas que poidan precisar de dito servizo.