Skip to content
Lindeiros

Lindeiros

Lindeiros, o xornal da bisbarra de Compostela e da súa capital,

Primary Menu
  • Xeral
  • Axenda
  • Concellos
  • Contacta
  • Ames
  • Xeral

Ames aproba un novo crédito extraordinario de 1,4 millóns de euros

Ames destinará esa cantidade a gastos relativos ao funcionamento ordinario dos servizos municipais

ames aproba novo credito para gastos ordinarios 2 novemro 2026

Ames, 04/11/2026 – Ames ven de aprobar no último pleno ordinario un crédito extraordinario financiado co remanente de tesourería. O pleno aprobou tamén outras modificacións orzamentarias de crédito para distintas cuestións e un maior gasto no convenio SAT 2024 – 2025.

O crédito extraordinario 2/2026 supón destinar, do remanente de tesourería, 1.399.994,14 euros a investimentos e gastos vinculados a exercicios xa pechados e que polo tanto non terían crédito para poder iniciarse.

O pleno completo pode verse no seguinte enlace https://www.youtube.com/live/zzBiHr1t3Q4?si=SCk3T0OBOnm8h3C9

Este punto foi aprobado co voto a favor dos concelleiros e concelleiras do grupo de goberno e coa abstención do resto de concelleiros/as do Partido Popular, BNG e Espazo Común. O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, explicou que se destinarían 23.474,07 euros corresponden co subministro de produtos de alimentación para as escolas infantís municipais no 2025, gastos de mantemento nos centros educativos do municipio e no espazo de coworking A Proa no 2025, e coa reforma do tellado da EEI da Iglesia en Tarroeira-Ortoño no 2026. Ademais, 886.742,89 euros son para aboar á Mancomunidade de Concellos da Serra do Barbanza, que liquidou en setembro de 2026 a cota extraordinaria do ano 2026.
Por outra banda, 348.872,19 euros corresponden con actuacións en infraestruturas, instalacións e edificios municipais, que se atopan en estado deficiente ou non se axustan á normativa vixente, ou teñen por obxecto mellorar a seguridade dos viarios tanto en zonas urbanas coma rurais; e 140.904,99 euros son para novas actuacións que supoñen melloras cualitativas nos servizos municipais.

O concelleiro indicou que entre estas melloras se atopa a reforma e pavimentación do patio da Escola Infantil A Madalena, onde se cambiaría o caucho por céspede artificial; a mellora da accesibilidade da Casa do Concello; o arranxo da piscina descuberta do Milladoiro; construción dunha senda peonil en Pedras; mellora dos accesos a Firmistáns; a climatización do comedor da EEI do Milladoiro, etc.

A voceira de Espazo Común, Luísa Feijóo, dixo “en primeiro lugar, temos gastos xa realizados, algúns deles correspondentes ao ano pasado que seguen pendentes de pagamento. Por outro lado facturas de gastos de mantemento tanto de centros escolares como de co-working, e a de maior importe deste ano que se corresponde co arranxo do tellado da Escola Infantil de Ortoño. Aquí temos algo claro, son gastos necesarios e xustificados. Os provedores non teñen que asumir as consecuencias da falta de planificación municipal ou da existencia de crédito”..

Dende o Bloque Nacionalista Galego, Rosalía Seijas sinalou que “este crédito supostamente é para gastos inaprazables e extraordinarios. Ao noso parecer si que hai gastos que son inaprazabres e extraordinarios, e outros que non. O Concello de Ames ten aprobado un plan económico financeiro por incumprir as normas fiscais. E tirar do remanente de tesourería é un dos indicadores que se mira nese cumprimento das regras fiscais, e que se este diminúe, resulta negativo. Aínda que considero que os remanentes se teñen que usar para levar a cabo investimentos e boas actuacións para a veciñanza, creo que hai que telo en conta á hora de usar o remanente de tesourería para certas cousas”.                                                                                                 

Dende o Partido Popular, Pablo Beiroa comezou recoñecendo como necesarios os investimentos recollidos dentro do crédito extraordinario, como un reflexo do que demanda a veciñanza. Sinalou que “a pesar de ser numerosas actuacións, pero reducidas en contía, vanse a poder realizar todos elas mediante a figura do contrato menor, polo tanto simplificará moito a tramitación e poderanse facer unha realidade canto antes. En último lugar, que é o que máis nos preocupa e o que nos vai impedir votar a favor, é unha dotación de case 900.000 para facer fronte a unha cota  extraordinaria da Mancomunidade”.

Suplemento de crédito 2/2026

Outro dos asuntos foi a modificación orzamentaria de crédito, mediante a modalidade de suplemento de crédito 2/2026, financiado con remanente de tesourería para gastos xerais, por valor de 356.498,99 euros. Este punto foi aprobado co voto a favor dos concelleiros e concelleiras do grupo de goberno e do Partido Popular, e coa abstención dos concelleiros/as do BNG e Espazo Común.

En dito suplemento de crédito inclúese a modificación do contrato de servizo do mantemento de zonas verdes para engadir no mesmo o axardinamento da mediana da avenida de Rosalía de Castro e outros gastos do Concello de Ames correspondentes aos servizos de alumeado público, parques e xardíns, actuacións de protección do medio ambiente, ensinanza infantil e primaria, bibliotecas municipais, promoción e equipamento cultural, escola de música, festas populares e festexos, xuventude, promoción e fomento do deporte, instalacións deportivas, promoción da actividade comercial, información e promoción turística, estradas e camiños veciñais, sociedade da información, administración xeral, comunicacións internas, e xestión do patrimonio.

Recoñecemento extraxudicial 2/2026

Tamén dentro do apartado económico abordouse a aprobación do recoñecemento extraxudicial 2/2026, para atender gastos realizados en exercicios anteriores ao 2026 e no propio exercicio 2026 sen o correspondente crédito e soporte contractual derivados da execución de obras, prestacións de subministros e servizos no desenvolvemento da actividade e funcionamento dos servizos municipais.

Todos os gastos responden a obrigas económicas pendentes de imputación orzamentaria e pago e cuxo importe ascende a 331.607,06 euros. Este punto foi aprobado co voto a favor dos concelleiros e concelleiras do grupo de goberno e do Partido Popular, e coa abstención dos concelleiros/as do BNG e Espazo Común.

Liquidacións provisionais da Mancomunidade Serra do Barbanza

A continuación, abordouse a aprobación das liquidacións provisionais da Mancomunidade de Concellos da Serra do Barbanza. Trátase das cotas polos servizos prestados de xullo, agosto, setembro e entrega a conta da cota extraordinaria de 2026. A cota ordinaria ascende a 34.610,34 euros; a cota complementaria é de 824.979,36 euros; e a conta extraordinaria ascende a 886,742,89 euros. O importe total é de 1.746.332,59 euros.

Segundo explicou o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, trátase “de pagar o lixo á Mancomunidade Serra do Barbanza de xullo, agosto e setembro, e pagar a factura extraordinaria, para a que se aprobou no punto cuarto o crédito extraordinario 2/2026.

O Concello interpuxo un recurso contencioso administrativo contra a cota extraordinaria, e agora pagamos a parte que cremos que hai que pagar, excepto a porcentaxe do 9% de intereses que cremos que o Concello non ten que facerse cargo. Ser membros de pleno dereito permítenos ter voz e voto para poder tomar decisións. A Mancomunidade recolle o lixo en Ames e ten unha débeda, que se creou prestando o servizo ao Concello de Ames, polo tanto, entendemos que temos que cubrir unha parte de dita débeda. O informe emitido polo Consello de Contas así o di, non somos partícipes dos intereses, pero si da débeda”.

En este punto primeiro votouse unha proposta do Partido Popular de deixar encima da mesa este punto. Esta proposta foi aprobada co voto a favor do Partido Popular, BNG e Espazo Común. Os concelleiros/as do grupo de goberno votaron en contra. Debido a isto, o alcalde fixo a proposta de acordar en Pleno abonar os traballos realizados correspondentes aos meses de xullo, agosto e setembro e deixar pendente a outra parte que se tratará en Xunta de voceiros/as. Dita proposta, formulada polo rexedor municipal, foi aprobada co voto a favor dos concelleiros/as do grupo de goberno, Partido Popular e BNG, mentres que a concelleira de Espazo Común abstívose.

Servizo de Atención Temperá 2024-2026

Outros dos puntos que se abordaron foi a autorización dun maior gasto para o convenio do Servizo de Atención Temperá 2024-2026, que prestan de xeito conxunto os Concello de Ames e Teo, derivado da conta xustificativa e liquidación do Servizo de Atención Temperá por importe de 8.131,07 euros, correspondente ao período desde o 1 de novembro de 2024 e 31 de outubro de 2025. A diferencia entre os ingresos da axuda concedida pola Xunta de Galicia e os gastos pola prestación do servizo é de 16.262,15 euros que se reparten entre os dous Concellos a partes iguais. Dita liquidación está motivada porque houbo unha ampliación de traballadores e cambio de categoría do persoal. Este punto foi aprobado por unanimidade.

Tarxeta de estacionamento de vehículos para persoas con discapacidade

O seguinte punto da orde do día abordado foi a corrección do modelo normalizado de solicitude da tarxeta de estacionamento de vehículos para persoas discapacitadas con mobilidade reducida, que require dunha adaptación co obxecto de mellorar a súa adecuación á tramitación administrativa do procedemento.  Hai que lembrar que na sesión plenaria ordinaria do 28 de maio de 2026 prestouse aprobación inicial a modificación parcial da ordenanza municipal reguladora das tarxetas de estacionamento e accesibilidade do Concello de Ames. Este punto foi aprobado por unanimidade.

Gratificacións, horas extras e complementarias

Por outra banda, abordouse a autorización do incremento en 130.000 euros da cantidade global destinada á asignación de gratificacións, horas extras e horas complementarias no orzamento do Concello de Ames para o exercicio 2026, pasando de 320.000 euros a 450.000 euros (gratificacións: 352.000 euros; horas extras: 85.000 euros; e horas complementarias: 13.000 euros). Este punto foi aprobado co voto a favor dos concelleiros/as do grupo de goberno, Partido Popular e BNG, mentres que a concelleira de Espazo Común abstívose.

Autorizacións de compatibilidades laborais

Tamén se aprobaron por unanimidade dúas compatibilidades laborais coa actividade privada, correspondentes a un traballador municipal, que presta os seus servizos como oficial palista do Concello de Ames; e dunha traballadora que presta os seus servizos como administrativa do Concello de Ames no departamento de Recursos Humanos.

Subsanación de deficiencias de proxecto de obras

De seguido, aprobáronse por unanimidade tres ratificacións de decretos da alcaldía sobre a subsanación de deficiencias no proxecto das obras de pavimento viario da rúa Alcalde Lorenzo (POS+2026); subsanación de deficiencias no proxecto das obras de acondicionamento das beirarrúas da avenida da Maía (POS+2026); e subsanación de deficiencias no proxecto de rehabilitación de edificio de vestiarios e contorno no campo de fútbol de Ortoño (POS+2026).

Mercado Municipal de Abastos

Ademais, abordouse o acordo de cumprimento das condicións impostas pola Deputación da Coruña para o pago do convenio relativo á construción do Mercado Municipal de Abastos. Ditas condicións son manter a propiedade sobre os investimentos subvencionados e a vinculación destes á actividade que motivou o financiamento durante un período de 10 anos; e facer a publicidade da colaboración financeira da Deputación da Coruña, que deberá quedar expresamente reseñada, de forma permanente, nun lugar visible do acceso á actuación no momento da súa inauguración e/ou recepción. Este punto foi aprobado co voto a favor dos concelleiros/as do grupo de goberno, Partido Popular e BNG, mentres que a concelleira de Espazo Común abstívose.

Post navigation

Previous: Cineuropa celebra 40 anos
Next: Noia vai de tapas

Máis novas

bng maes parquing milladoiro 6 novembro 2026
3 minutes read
  • Xeral

As incógnitas do aparcadoiro do Milladoiro

deputacion via verde remata en marzo 6 de novembro 2026 (1)
4 minutes read
  • Xeral

A Vía Verde podería estar rematada en marzo

KD&L
3 minutes read
  • Axenda

Kitty, Daisy e Lewis abren o Outono Códax Festival

Sesión constitutiva IX Lexislatura
3 minutes read
  • Xeral

Os colexios seguen pedindo reformas

Teo: Mara Cajaraville foi afeccionada aos cabalos dende que era moi pequena. Fotos familiares
5 minutes read
  • Xeral

San Martiño 2026

noia vai de tapas 5 novembro 2026 (2)
4 minutes read
  • Xeral

Noia vai de tapas

cineurop a40 aniversario 2 novembro 206
8 minutes read
  • Axenda

Cineuropa celebra 40 anos

foto manuel martínez ONCE
5 minutes read
  • Compostela

Manuel Martínez Pan, delegado da ONCE na Galiza: “Lamas, unha persoa cega, foi pioneiro do xornalismo”

Etiquetas

25N (53) alcaldes (78) asociacións e fundacións (2086) Ciencia (115) Comercio e empresa (665) Coronavirus (278) Crechas (38) Cultura (2830) Curtocircuito (40) Deportes (751) Economía (450) Educación (778) eleccions (50) Emprego (244) Entroido (42) Festas e Feiras (623) Festivais (837) Galego (146) Institucións (1441) lixo (88) Mancomunidade de Ordes (45) Mandingo (92) Medio Ambiente (1626) muller (187) Nadal (200) Obradoiro Cab (79) o máis lido da semana (55) Patrimonio (832) Plataforma Casalonga limpa de residuos (81) Plataforma Veciñal Mina Touro O Pino NON (42) Plenos (738) Politica (951) saúde (534) Servizos (2704) sindicatos (109) Social (567) sucesos (133) Tabernalia (184) Tecnoloxía (46) Transporte e estradas (703) Turismo (223) Universidade (588) urbanismo (265) xuntas de goberno (37) Xustiza (120)
  • Facebook
  • X
  • Instagram
  • BSky
  • Youtube
  • Whatsapp
Copyright © 2026 All rights reserved. | MoreNews by AF themes.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para garantir o correcto funcionamento do sitio web, medir o seu uso e mellorar os nosos servizos. Podes aceptar todas as cookies, rexeitar as non necesarias ou configurar as túas preferencias. Política de cookies

Configure cookies

Necesarias para que o sitio web funcione correctamente. Non se poden desactivar desde este panel.

Axudan a medir o uso do sitio web e a mellorar os seus contidos.

Permiten publicidade, medición de campañas ou personalización de anuncios.

Gardan preferencias ou permiten contido externo non necesario.