займ срочно

Pleno de ordenanzas en Ames

0

Ames, 4 de xullo do 2022 – Pleno de trámite en Ames coa aprobación de distintas ordenanzas, modificacións de prezos e un suplemento de crédito.

Entre as ordenanzas destaca a que rexirá os horarios de peche a apertura das terrazas. Tamén foi aprobado o regulamento das instalacións deportivas municipais e o das instalacións culturais do concello.

Decretos de alcaldía

O pleno de Ames aprobou por unanimidade ratificar sete decretos de alcaldía de subsanación de deficiencias na redacción do proxecto de ampliación da Casa da Cultura do Milladoiro, de reparación da cuberta do pavillón municipal de Bertamiráns e de rexeneración de espazos deportivos do campo de fútbol de Ortoño.

Son proxectos incluídos no POS + 2022, aprobados no pleno extraordinario celebrado o 10 de febreiro de 2022 e nos que Deputación da Coruña detectou varias deficiencias. Trátase de cuestións menores que non afectan ao deseño da obra, nin as súas funcionalidades nin ao importe polo que se procedeu a subsanar as deficiencias de índole formal indicadas polos técnicos.

Horario de apertura e peche das terrazas

O Pleno aprobou tamén por unanimidade o horario de apertura e peche de terrazas. Este horario é froito do acordo ao que chegaron o Goberno Municipal e a Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA) e a Asociación Empresarial da Restauración, Aloxamento e Turismo de Compostela e Comarcas “Hostalaria.Gal”.

O acordo establece apertura desde as 9.00 horas. O horario de peche será diferente segundo a temporada. Na temporada 1, de outubro a marzo, pecharase as 00:00h de domingo a xoves, e a 01:00h os venres, sábados e vésperas de festivo. Na temporada 2, de abril a setembro, as terrazas pecharán a 01:00h de domingo a xoves, e ás 2.00h os venres, sábados e vésperas de festivo.

O concelleiro de Urbanismo e Administración Xeral, Víctor Fernández, quixo agradecer o voto favorable de todos os grupos políticos e destacou “esta é unha proposta xenerosa que amplía o horario de uso das terrazas en media hora pero coa que queremos conciliar os intereses dos hostaleiros e os dos veciños e veciñas”.

Instalacións deportivas municipais e escolas deportivas

O pleno tamén debateu a aprobación inicial do Regulamento de instalacións deportivas municipais e escolas deportivas municipais do Concello de Ames. Un regulamento do que carecía o concello ata o momento.

O obxecto é ordenar a utilización das instalacións deportivas municipais para garantir un correcto uso das mesmas. Engloba a utilización dos pavillóns polideportivos de Bertamiráns e do Milladoiro, dos campos de fútbol de Bertamiráns e do Milladoiro, das pistas deportivas de raqueta e das piscinas descubertas municipais. Son un total de 24 artigos nos que se regulan os dereitos e deberes dos usuarios, os horarios de uso, as taxas, as prohibicións, así como, as normas de mantemento e conservación entre outros. Este regulamento foi aprobado de xeito inicial por unanimidade de toda a Corporación.

Instalacións culturais

Unanimidade, tamén, de toda a Corporación para a aprobación inicial do Regulamento de uso e funcionamento das instalacións culturais do Concello de Ames.

O regulamento ten por obxecto establecer as normas para o funcionamento e uso da Casa da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro, do Pazo da Peregrina, dos locais sociais de Agrón, Ameixenda, Augapesada, A Tarroeira, Biduído, Covas, Cruxeiras, Lens, Piñeiro, Tapia, Trasmonte e da escola unitaria de Agrón. O documento recolle os dereitos dos usuarios, as obrigas, os procedementos de uso, así como a posibilidade de realizar acordos de apoio á creación artística.

Centro Deportivo Municipal A Telleira

Tamén se debateu a aprobación inicial da modificación da Ordenanza num. 1 reguladora do prezo público pola utilización do centro deportivo municipal A Telleira. Dita ordenanza fixa os prezos de matrícula, abonos, cursos outros servizos e actividades que se prestan en este espazo deportivo.

A modificación foi aprobada por unanimidade pola Corporación Municipal. Agora o acordo provisional ten que ser exposto ao público no taboleiro de edictos do Concello de Ames, no BOP e na páxina web municipal durante trinta días hábiles para que as persoas interesadas poidan examinar o expediente e formular alegacións.

Asi mesmo aprobouse por unanimidade a revisión do prezo do contrato de concesión da xestión e mantemento do centro deportivo municipal A Telleira. A concesión da xestión e mantemento foi adxudicada o 27 de febreiro de 2006, á entidade Serviocio Cultura Deporte y Recreación SL. Dende 2006 realizáronse cinco actualizacións do prezo do contrato. Con esta nova actualización do prezo o incremento ascende ao 5,7%.

Suplemento de crédito

Ademais, aprobouse por unanimidade o suplemento de crédito 2/2022 por valor de 374.061,50 euros para a construción do Centro Multifuncional de Lecer, Cultura e Promoción Económica dirixido á mocidade e a persoas en risco de exclusión social.

A empresa adxudicataria da obra detectou un incremento substancial do orzamento de execución material con respecto ao orzamento establecido na convocatoria do concurso de ideas do ano 2020. Devandito incremento responde á situación económica actual de subida exponencial de prezos na construción, materias primas, man de obra e transporte, así como aos incrementos continuados na inflación, producidos por diferentes factores nacionais e internacionais.

Para poder levar a cabo a obra e rematala en tempo é necesario suplementar o crédito co obxecto de que os prezos se axusten ao mercado. Para estas actuacións urxentes e inaprazables proponse empregar o remanente líquido para gastos xerais cun suplemento de crédito por un importe de 374.061,50 euros.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies