Bisbarra, 30 de setembro do 2024 – O pleno ordinario de Ames deixou un feixe de decisións importantes aprobadas pero a que segue a estar baixo os focos é a relatva á humanización do Milladoiro.
A moción presentada por urxencia polo Partido Popular, BNG e Espazo Común de xeito conxunto saíu aprobada cos únicos votos en contra do equipo de goberno, Psoe. O documento presentouse “en apoio á veciñanza e comercio do Milladoiro afectados polas obras de humanización da N-550.
Os grupos municipais da oposición explicaron que están a favor do proxecto de humanización da N-550 ao seu paso polo Milladoiro, pero non do xeito que se está executando, xa que segundo indicaron, antes de executar as obras hai que buscar unha alternativa ao fluxos de tráfico que soporta a N-550.
O certo é que todo o mundo quere humanizar o Milladoiro desde hai anos pero ninguén parece saber como. Todos tamén sitúan o centro da posible solución nunha alternativa real á N-550. Ao longo dos últimos mandatos as propostas foron de todo tipo sen que ningunha chegara a comezar.
O máis rechamante é que cando un chega ao Milladoiro o que ve é unha obra na marxe esquerda que parecería unha variante se non fora porque se trata da senda peonil e ciclista que tamén está en cuestión polo seu deseño no paso polo Bosque de Conxo. Unha senda que, polo menos no Milladoiro pasa por onde durante anos se dixo que non se podía facer unha variante.
O alcalde, Blas García, reivindicou que moitos veciños do Milladoiro están a favor da humanización aínda que polo momento os que fan ruído son os que están en contra. Unha nova mobilización reuniu a decenas de persoas e mesmo a alcaldesa de Teo, Lucía Calvo, súmase tamén ás queixas porque a falta de alternativa ao tráfico afectará ao seu concello.
Todos coincidiron nunha sola cousa, pedir a gratuidade da AP-9 no tramo ata Padrón. Unha vella demanda que en algún momento chegou a incluír unha saída á altura da actual peaxe. Unha proposta que desde hai anos ningún goberno. Nin o actual nin os anteriores, que renovaron a concesión, nin siquera chegaron a contemplar.
Outros Temas
Polo de máis o pleno sacou adiante distintos temas importantes que foron sendo aprobados. A cuarta modificación do Plan estratéxico de subvencións; a primeira modificación do contrato do servizo de limpeza integral nas instalacións dos centros de educación infantil e primaria e escolas unitarias; o convenio e encomenda de xestión ao Concello de Teo para a prestación do servizo de atención temperá e o estudo de viabilidade da concesión de obra para a construción da instalación deportiva municipal de O Milladoiro e da piscina municipal de A Telleira, para a súa explotación conxunta. Todos saíron adiante con algún debate pero sen problemas.
A educación en Ames
A situación da educación no concello de Ames xerou máis debate, como sucede cada vez que chega a pleno. Foron tres mocións presentadas por vía de urxencia, que tamén foron aprobadas. Na parte dispositiva ínstase á Xunta de Galicia a dar cumprimento, de maneira inmediata, das ratios máximas incluídas na resolución do 10 de xaneiro de 2024, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se dá publicidade do texto do Acordo entre esta Consellería e as organizacións sindicais CC.OO., ANPE e UGT-SP Ensino sobre medidas que melloran o funcionamento do sistema educativo e as condicións laborais do persoal funcionario e laboral docente da Comunidade Autónoma de Galicia que imparte as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, nos centros escolares do noso concello.
Tamén se solicita dotar do persoal de apoio e especialistas necesarios para que en todos os centros se poida dar soporte ao alumnado con necesidades especiais que permita a verdadeira integración; e dotar dos autobuses suficientes ao servizo de transporte escolar de xeito que non se produza o desdobre de ningunha liña.
A gravación do pleno completa está na canle de Youtube do Concello de Ames.