Bisbarra, 29 de xuño do 2023 – O pleno de organización de Ames definiu as posturas de saída dos distintos grupos municipais e mentres PP e Psoe quitaban ferro aos acordos, BNG e Espazo Común facían fincapé en eles.
As cuestións que definiron de xeito máis claro as diferenzas foron a delegación de certas competencias na Xunta de Goberno Local e as dedicacións exclusivas e parciais dos concelleiros. O apoio do Partido Popular ao goberno en minoría do Psoe foi, a ollos de BNG e Espazo Común, un acordo encuberto.
Competencias
O primeiro dos desacordos foi a delegación de competencias plenarias sobre concertar ou modificar operacións de crédito e anticipos de tesourería. Estas competencias pasarán a ser da Xunta de Goberno Local, co que no terán que ir a pleno; un acordo que saíu adiante cos votos a favor do PP e o Psoe e os votos en contra do BNG e Espazo Común.
O nacionalista Alexandre Espinosa explicaba o voto en contra do BNG dicindo que “na lexislatura anterior sendo un goberno en maioría nunca se delegouna Xunta de Goberno” e engadindo que decidirán 5 no canto de 21”.
Vitor Fernández do Psoe defendía a medida como un xeito para “axilizar trámites” e que na lexislatura anterior “estas decisións nunca se chegaron a tomar”. Insistiu ademais en que as cuestións referidas a estes temas “xa están recollidas nos orzamentos e non será necesario modificalas”.
Luísa Feijoo de Espazo Común resumiu a súa postura en contra, entre outras razóns, en que “que non se usara nunca non quere dicir que no se chegue a usar”. Ao final os votos favorables de PP e Psoe sacaron adiante a proposta.
Dedicacións exclusivas e persoal eventual
O segundo desencontro entre os antigos socios de goberno, BNG e Psoe máis a ex concelleira socialista de Espazo Común, foi por conta das dedicacións exclusivas e o persoal eventual. Créanse cinco dedicacións exclusivas para o grupo de goberno. Oito dedicacións parciais de distintos importes das que tres irán tamén ao Psoe, tres para o PP e dous para o BNG.
No caso do persoal eventual, o de apoio aos grupos, o grupo de goberno socialista disporá de tres, o PP de 2 e o BNG de 1. Espazo Común terá en este caso un administrativo a media xornada.
Luísa feijoo de Espazo Común foi moi crítica e chegou a dicir que o PP xa estivo na oposición sen dedicacións exclusivas polo que “pagar polo que antes lle saíu gratis é indecente”. Tamén dixo que “vemos como se equiparan as dedicacións de algún membro do goberno ás da oposición, sen rubor, dalles a mesma importancia a áreas como educación , cunha importante carga de responsabilidade, á oposición que non ten esa responsabilidade”.
Oliva Agra do Partido Popular cualificou a actitude de BNG e de Espazo Común como “unha pataleta de nenos”. Vitor Fernandez, voceiro socialista, lembrou que sempre se falou de outorgar dedicacións exclusivas á oposición e lembrou que “as dedicacións consensúanse dentro do grupo e rebáixanse con respecto ao ano anterior”. Sobre a equiparación coa que recibirá a oposición dixo que “aquí se sabe que non somos funcionarios e non se traballará de oito a tres”.
Escarlata Pampín do BNG dixo que “quedaba demostrado que o BNG era a única alternativa de esquerda real no concello de Ames”.
O punto rematou coa intervención do alcalde, Blas García, que dixo que xa no 2007 o BNG e o PP pactaran dedicacións para a oposición en contra do goberno en minoría do Psoe e que “no 2015 o BNG e o Psoe conseguiron sacar adiante as dedicacións co apoio de Pacto x Ames que todos sabemos quen era e de donde viña”.
Finalmente o punto saíu adiante cos votos a favor de Psoe e PP e en contra de BNG e Espazo Común.