A Corporación municipal aprobou un crédito extraordinario de 221.207,94 euros, financiado con baixas por anulacións, grazas a abstención da oposición e con críticas sobre a falta de orzamentos.

O goberno municipal de Ames vese obrigado a modificar os orzamentos prorrogados ata que consiga apoios para aprobar os de este ano. No último pleno aprobou un crédito extraordinario para poder acometer distintos proxecto pero para iso tivo que abandonar outros.
A oposición foi moi crítica con eses cambios xa que suporán a baixa en créditos non comprometidos como o servizo de limpeza no rural (110.000 euros), un servizo que non se iniciaría, segundo o goberno municipal, antes do 2026; o mantemento de infraestruturas (57.111,79 euros) e a de pavimentación de vías públicas e investimentos de reposición (54.096,15 euros) nas que existen aforros e que chegan a través do POS.

Con estes cartos sacaranse adiante o proxecto modificado da Cociña Central (45.000 euros); a adquisición do mobiliario da Central de lavado e Cociña central (80.000 euros); a mellora do auditorio de Bertamiráns (18.448,59 euros); o arranxo da cuberta do local de A Factoría (17.000 euros); o subministro de material para as instalacións fotovoltaicas nas escolas infantís municipais da Madalena e do Bosque a través do obradoiro Renova VII (45.759,35 euros); e a adecuación á normativa do sistema de auga quente sanitaria nas instalacións deportivas (15.000 euros).
Luísa Feijóo, de Espazo Común, dixo “este punto pódese resumir en que o goberno socialista de Blas Garcia prescinde do servizo de limpeza no rural e do orzamento para o mantemento de infraestruturas no rural, para facer fronte ao incremento dos custes da Cociña central por non facer os deberes a tempo. A ninguén se lle escapa que este é un goberno en minoría, que se caracteriza por intentar vivir das rendas dos exercicios anteriores, e estamos case no mes de abril sen orzamento”.
Por parte do BNG, interveu a concelleira Rosalía Seijas, que destacou “a importancia de ter uns orzamentos actualizados á realidade do Concello. Tendo en conta os feitos actuais parece ser que o goberno socialista en minoría non é capaz de sacar adiante os presupostos para 2025 [] Neste documento vemos proxectos que é preciso acometer e non contan con crédito, investimentos moi importantes como a Cociña central ou A Factoría, pero estes investimentos acometeranse a cambio de quitarlle aos veciños a limpeza do rural”.
O concelleiro do Partido Popular, Pablo Beiroa, dixo “estamos ante o primeiro crédito extraordinario de 2025. Levamos destacando a importancia de que o Concello conte cuns orzamentos aprobados antes de que remate o exercicio, como fixo a Xunta de Galicia que o día 1 de xaneiro tiña uns orzamentos aprobados que permiten levar a cabo actuacións importantes. No caso de Ames isto non é así. Nós non estamos de acordo por dous motivos, primeiro por non ter orzamento e ter que acudir a un crédito extraordinario tan pronto ao comezo do exercicio, e en segundo lugar porque non nos parece correcto renunciar a un servizo como o de limpeza no rural”.
O alcalde, Blas García, explicou que “modificacións de crédito como esta non é a primeira vez que se traen ao pleno. Non sempre se aprobaron os orzamentos en tempo e forma. Nos últimos exercicios só un ano se aprobaron en tempo e forma no mes de decembro, o resto de anos aprobáronse na maioría dos exercicios no mes de abril. Nos próximos días explicarase a razón pola que é difícil elaborar uns novos orzamentos. O problema que existe é polo importe de dous millóns de euros polo servizo da recollida do lixo da Mancomunidade Serra do Barbanza. Imos a facer unha xuntanza monográfica para falar da Mancomunidade e para falar do servizo de recollida do lixo, onde se lles achegará toda a información necesaria”.
Este punto foi aprobado por maioría simple co voto a favor dos oito membros do Goberno municipal, mentres que os/as concelleiros/as do Partido Popular, BNG e Espazo Común abstivéronse.
Temas aprobados
Non todo foi tan axustado para o goberno municipal de Ames xa que distintas cuestións foron aprobadas por unanimidade; concretamente: a derrogación da ordenanza municipal reguladora da prestación de alimentos; a modificación do expediente de gasto do convenio de colaboración entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, o Concello de Ames e a UTE “XG-807”, para a implantación dun servizo de interese municipal (SIMU); a extensión da vixencia para o período 2025-2029 do plan de continuidade da protección contra incendios forestais mediante a plantación de frondosas; e a proposta de resolución de alegacións e remisión ao Consello Consultivo de Galicia do segundo expediente de resolución do contrato do servizo de axuda no fogar.
Tamén foi aprobada por maioría absoluta a modificación da base número 50 do orzamento municipal de 2024, prorrogado para 2025, sobre as subvencións nominativas para o exercicio 2025; e a aprobación inicial da quinta modificación puntual do regulamento orgánico municipal.
Por último, aprobouse por unanimidade unha moción, presentada polo grupo municipal popular de Ames, con motivo do día internacional das mulleres, 8 de marzo. Podes ver a gravación do pleno na canle de Youtube do Concello de Ames.
Plan municipal de prevención de incendios forestais
Outros dos temas que se aprobou por unanimidade foi a extensión da vixencia para o período 2025-2029 do plan de continuidade da protección contra incendios forestais, mediante a plantación de frondosas nas faixas secundarias de seguridade do concello de Ames, elaborado polo servizo municipal de medio ambiente. Dito plan foi aprobado polo Pleno en decembro de 2017 por un período de catro anos. En xaneiro de 2021 acordouse aprobar a continuidade do referido plan ata 2024. Ata o de agora actuouse en 233.000 metros cadrados e plantáronse máis de 6.000 árbores.
Moción sobre o día internacional das mulleres
Por último, aprobouse por unanimidade unha moción política do grupo municipal popular de Ames con motivo do día internacional das mulleres, 8 de marzo. En dita moción proponse expresar o rexeitamento a calquera tipo de mensaxe ou acción que supoña unha discriminación ou violencia polo feito de ser muller; impulsar iniciativas para visibilizar ou galardoar a traxectoria de mulleres referentes da contorna en diversos ámbitos, especialmente aqueles máis masculinizados; solicitar financiamento á Xunta de Galicia e ao Goberno central para impulsar actividades que favorezan a corresponsabilidade e a conciliación imprescindible para garantir a igualdade de oportunidades; promover campañas de sensibilización accesibles a toda a poboación en materia de igualdade nos que se busque, entre outros aspectos, erradicar a linguaxe sexista; reforzar os Centros de Información á Muller, que son de titularidade municipal; e instar ao Goberno do Estado a atender a demanda do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e da Xunta de Galicia para a creación de cinco novos xulgados exclusivos contra a violencia de xénero en Ourense, Santiago, Lugo, Pontevedra e Ferrol.
Felicitación a dous membros da policía local
No pleno deuse conta da orde da compañía da Garda Civil de Santiago de Compostela, do 22 de outubro de 2024, pola actuación de dous efectivos da Policía local de Ames: Martín Conde Ríos e Martina Marcos Mosquera. Dita orde é unha felicitación e recoñecemento por parte do xefe da compañía da Garda Civil de Santiago de Compostela, polas meritorias, eficaces e activas actuacións de dous efectivos da Policía Local de Ames, en colaboración cos integrantes da Garda Civil do Milladoiro, nun suposto roubo con forza no interior dun garaxe, actuación na que se procedeu á detención de dous sospeitosos e prenderon o material subtraído.