Ames, 01/06/2026 – O pleno de Ames aprobou por unanimidade o novo convenio de colaboración entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia, o Concello de Ames, e a UTE “XG-807”, para dar continuidade ao servizo de interese municipal (SIMU).
O SIMU facilita a mobilidade da veciñanza de Ortoño, Bugallido e Biduído, a través do reforzo do transporte interurbano da Xunta e dun servizo de interese municipal, que discorre entre a rúa Alcalde Lorenzo e a estación intermodal de Santiago.
A concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez, explicou que en esta continuación do servizo o Concello pediu que se incluíse unha nova parada no campus sur da USC, xa que entra do percorrido que fai este liña de autobús, e que dentro do convenio se engada un artigo que permita facer modificacións puntuais entre o Concello e a empresa concesionaria, podendo ser estas modificacións de percorrido ou de frecuencias.
Desafección dun camiño
Tamén por unanimidade a desafectación do camiño Igrexa-Covas. Deste xeito, aprobouse recibir formalmente, previa a oportuna desafectación aprobada definitivamente, e incorporar ao inventario municipal de bens do Concello de Ames, co carácter de ben patrimonial, un anaco final de 92 metros cadrados do camiño de concentración parcelaria, que no lugar de A Igrexa – Covas discorre en dirección este – oeste. Dito anaco de camiño divide dúas parcelas dunha mesma propietaria.
Medalla para as Maianas
Todos os votos a favor foron tamén para a concesión da medalla do Concello de Ames de 2026 ao grupo musical Maianas. O concelleiro de Administración Xeral, Víctor Fernández, dixo que “as Maianas teñen unha recoñecida traxectoria musical ao longo de preto de 20 anos, e que sempre promoveron a cultura popular e manteñen viva a música tradicional de Galicia sobre os escenarios. É un grupo que ten unha importante presencia en festivais e eventos culturais en Galicia como fóra das nosas fronteiras. Tamén dispoñen dun importante traballo discográfico con catro álbums ao longo da súa traxectoria”.
A voceira do BNG, Escarlata Pampín, sinalou que “a nosa proposta para esta medalla era para Patricia de Lorenzo, pola súa extraordinaria traxectoria cultural e artística, polo seu compromiso co teatro galego e polo enorme valor que representa para a cultura do país dende o proxecto Chévere.
Seguimos pensando que é unha figura merecedora deste recoñecemento e agardamos que nos vindeiros anos reciba o recoñecemento que merece, pero dito isto, tamén queremos expresar o noso apoio á concesión desta medalla ao grupo das Maianas, porque falar desta agrupación é falar de cultura popular, de música tradicional, de transmisión da nosa identidade e do papel fundamental das mulleres na conservación do patrimonio inmaterial galego. Cremos que son merecedoras deste recoñecemento institucional por parte do Concello”.
O resto dos grupos coincidiron en outorgar a medalla ás Maianas destacando o seu valor e sen engadir nada máis.
Hai que dicir que o pleno tamén aprobou a adhesión de Ames á Rede Española de Capitais da Cultura, que saíu adiante co voto a favor dos/as concelleiros/as do Goberno municipal (PSdeG-PSOE), Partido Popular e BNG, mentres que a concelleira de Espazo Común abstívose. Dita Rede, que está en fase de impulso, agrupa aos Gobernos Locais que desexan impulsar un modelo estratéxico de desenvolvemento cultural, reforzar a cooperación territorial e dar visibilidade ao compromiso municipal coa cultura como motor de desenvolvemento urbano, cohesión social e innovación.
Durante o transcurso do pleno as traballadoras do SAF realizaron unha concentración na praza do Concello.
