Bisbarra, 27 de abril do 2023 – O concello de Ames leva hoxe a pleno o cambio no modelo de xestión do ciclo integral da auga, na actualidade concesionado á empresa Espina e Delfín.

No pasado mes de xuño o concello de Ames acordou en pleno iniciar un expediente que determinara o modelo de xestión do ciclo integral da auga. Daquela creouse unha Comisión que contratou o asesoramento preciso e que determinou que a forma máis sostible e eficiente é a xestión directa a través dunha sociedade mercantil local (SML) ou entidade pública empresarial local (EPEL).
Hoxe o equipo de goberno levará a pleno unha proposta de xestión a través da EPEL, modelo proposto polo técnico municipal vinculado ao Ciclo Integral da Auga e por considerar que é a forma de xestión máis conveniente ao interese público municipal. Esta entidade terá que ser constituída polo Pleno.
Nun encontro con xornalistas o alcalde, Blas García, explicaba que o modelo actual, cunha xestión directa sobre o cobro dos recibos, permite ter unha idea moi clara dos ingresos e gastos do Ciclo. Eses datos foron fundamentais á hora de tomar a decisión de optar por unha Entidade pública empresarial local.
Distintos modelos na comarca
De levarse a cabo este cambio na xestión do ciclo integral da auga Santiago terá un novo exemplo no que mirarse. Compostela deixou sobre a mesa a licitación do servizo de cara a que a seguinte corporación decida si o saca a concurso ou opta por outro modelo de xestión.
Na maioría dos concellos existen concesións a empresas privadas a cambio de canons económicos. Ames optou na última etapa por un modelo de concesión no que a xestión dos cartos era do concello, o que lle permitiu comprobar de primeira man as contas reais do Ciclo. Agora aposta pola xestión directa por medio dunha empresa.
Teo pola súa banda xestiona o ciclo da auga de forma directa desde o concello, sen empresa local interposta. Na seguinte lexislatura terá que licitar a xestión do lixo que, sen que sexa o mesmo, ten moitas similitudes.
Santiago terá polo tento distintos espellos nos que mirarse e o modelo que lixa vai depender moito do resultado electoral do 28 de maio.