Skip to content
Lindeiros

Lindeiros

Lindeiros, o xornal da bisbarra de Compostela e da súa capital,

Primary Menu
  • Xeral
  • Axenda
  • Concellos
  • Contacta
  • Xeral
  • Ames

Ames aproba os pregos de licitación do futuro centro deportivo do Milladoiro

O pleno de Ames aprobou tamén o proxecto de execución da praza de abastos de Bertamiráns

ames pleno 28 setembro 2026

Ames, 28/09/2026 – O pleno de Ames aprobou pasos adiante en dous proxectos que suporán investimentos de máis de 157 millóns de euros. O pregos de licitación do futuro centro deportivo do Milladoiro e o proxecto de execución da praza de abastos de Bertamiráns.

Instalacións deportivas municipais do Milladoiro e da Telleira

O goberno municipal presentou por vía de urxencia a aprobación do expediente de licitación do contrato de concesión de obra pública das instalacións deportivas municipais do Milladoiro e da Telleira.

A concelleira de Deportes, Susana Señorís, presentou a aprobación as bases reguladoras polas que se aprobará a licitación da concesión das instalacións deportivas do Milladoiro e A Telleira. Señarís destacou que se trata dun proxecto de anos de traballo e preparación, e que ten como obxectivo facer posible unha infraestrutura que O Milladoiro leva moito tempo demandando, como é un centro deportivo con piscina cuberta.

A concelleira lembrou que este punto estaba previsto para o pleno de xullo, e foi retirado para estudar as consideracións formuladas polos grupos do Partido Popular e do Bloque Nacionalista Galego. Sinalou que este traballo permitiu revisar e incorporar as cuestións relativas ás tarifas, ao uso do galego, ás actividades, aos cursos de preparación ao parto e ao aparcamento.

O documento presentado son uns “pregos revisados que establecen as regras de licitación. Explicou que o procedemento será aberto, de tramitación ordinaria e suxeito a regularización harmonizada. Así, a concesión terá unha duración de 35 anos e o valor estimado do contrato será de 154.284.875 euros, unha cifra que corresponde o conxunto da concesión durante a súa duración, e non ao custo da construción do centro do Milladoiro”.

O procedemento terá tres fases: a presentación dos proxectos, que serán tres meses; a execución das obras do Milladoiro, explotación da Telleira e obras na Telleira, que serán 20 meses; e finalmente a explotación conxunta das dúas explotacións. No tocante ás tarifas, estas revisaranse para adaptalas a estas fases. Durante as construcións do Milladoiro, aplicaranse as tarifas correspondente ás da Telleira, e unha vez aberta a nova instalación, entrarían en funcionamento as tarifas de uso conxunto.

A concelleira dixo tamén que “son uns pregos modificados que recollen a maioría das súas peticións. Este goberno leva anos traballando para facer realidade esta infraestrutura e hoxe damos un paso decisivo para poder licitala. Se aprobamos estes pregos poderemos iniciar o procedemento para que as empresas presenten as súas ofertas e avanzar cara a construción do centro deportivo do Milladoiro e a mellora do centro deportivo da Telleira”.

O pleno íntegro pode verse na canle de Youtube de Ames https://www.youtube.com/live/OkjCkk69JwI?si=UzE0x84CjaLrVF-t

Intervención dos grupos da oposición

A voceira de Espazo Común, Luísa Feijóo, dixo “non consideramos que quede acreditada a urxencia e a inclusión deste punto na orde do día, tendo en conta que é un expediente que levamos catro anos esperando por el. A maioría da documentación enviouse hai dous días e hoxe aínda recibimos máis documentación. Desde Espazo Común tamén temos que dicir que a veciñanza levamos moitos anos reclamando unha instalación deportiva destas características para O Milladoiro, queremos que se faga e por iso un expediente desta complexidade tense que estudar con rigor e para iso necesitase tempo. O expediente que nos piden que valoremos e que votemos hoxe non é o mesmo que o que recibimos no mes de xullo, porque incorpóranse novos documentos como un informe sobre o impacto económico da variación da TIR e unha addenda ao estudo de viabilidade. Tamén se inclúen cambios nas condicións das actividades dirixidas e nas horas que deben ofrecerse. Estamos a decidir como se van xestionar instalacións deportivas durante décadas, que tarifas pagará a veciñanza e que servizos terán garantidos. Polo tanto, solicito que este punto quede enriba da mesa e que se trate nunha sesión convocada con tempo suficiente para poder estudar a documentación completa e actualizada e para aclarar dúbidas que nos xurdiron”.

A voceira do BNG, Escarlata Pampín, explicou “estamos falando dun expediente que leva anos de traballo e por iso queremos expresar o noso profundo desacordo coa decisión deste goberno de traer este punto por vía de urxencia. Isto o que amosa é unha falta de planificación, organización e transparencia. Dito isto, queremos agradecer que se tiveran en conta as achegas feitas polo noso grupo aos pregoas provisionais trasladados no mes de xullo e que se tivera en conta a obriga para o adxudicatario do uso da lingua galega. Tamén fixemos achegas relativas ás prazas de aparcamento e ás actividades dirixidas incluídas nos abonos das instalación, cuestións que foron tidas en conta por parte da concelleira de Deportes. Por último, tamén nos alegramos de que se incluíse, tal e como solicitamos, as clases de preparación ao parto gratuítas para as abonadas. Todas as persoas que formamos parte desta Corporación municipal coincidimos en que O Milladoiro merece unha piscina e un centro deportivo municipal. O que hai que ter en conta é que un servizo público non se mide só porque exista, senón por como se presta, canto custa, onde se empraza, por quen o xestiona e polo beneficio real que lle achega á veciñanza”.

A voceira do Partido Popular, Oliva Agra, comezou cualificando este expediente como “especialmente importante” para o futuro das instalacións deportivas do concello de Ames. Lembrou que este punto estaba previsto para o pleno de hai uns meses, cando o Partido Popular e o Bloque Nacionalista Galego presentaron un escrito no que se solicitaban aclaracións e revisións sobres diferentes aspectos dos pregos. Sinalou que entre estas dúbidas, destaca o réxime económico que rexería sobre as tarifas a pagar os veciños e veciñas de Ames. Puntualizou que na redacción anterior expoñíase que as tarifas polo uso das instalacións da Telleira teríanse incrementado, de media, máis dun 20%, unha vez se adxudicase o contrato, sen que se iniciase ningunha obra. Ante isto, expresou que dende o grupo popular consideran que as tarifas vixentes actualmente deberían de ser as de aplicación mentres non se executen as obras de construción das novas instalacións e ampliación destas infraestruturas. Máis aló desta cuestión, Oliva Agra puxo o foco no que este proxecto significa para a veciñanza do concello de Ames. “Estamos falando dunha actuación de enorme importancia para O Milladoiro e Bertamiráns, dous dos principais núcleos do noso concello, e que precisan contar con instalacións deportivas modernas, adecuadas, e á altura da súa poboación. Ademais, no caso do Milladoiro estamos a falar dunha vella demanda por parte dos veciños e veciñas”, sinalou.

O alcalde, Blas García, dixo “aquí ninguén dou unha proposta alternativa. Eu penso que este proxecto canto máis se atrase mellor vai para vostedes, pero peor para os veciños. Aquí só houbo un proceso para facer achegas e recolléronse as achegas feitas polo BNG e polo Partido Popular. Agora estamos nunha situación na cal estamos a favor de que se licite ou estamos en contra. Co cal se estamos a favor os veciños do Milladoiro poderán ter, nun prazo determinado de tempo, un complexo deportivo cunha piscina, e os usuarios de Bertamiráns da Telleira poderán ter un centro máis amplo e máis cómodo para facer actividades. Os que voten en contra non están de acordo con este proxecto, e polo tanto non están de acordo con que se faga un complexo deportivo no Milladoiro”.

Primeiro votouse a proposta de Espazo Común de deixar este punto enriba da mesa. Isto foi rexeitado co voto en contra dos/as concelleiros/as do grupo de goberno e do Partido Popular. Os/as edís de Espazo Común e BNG votaron a favor de deixalo enriba da mesa.

De seguido, votouse este punto que saíu aprobado co voto a favor dos concelleiros/as do grupo de goberno e do Partido Popular. Votaron en contra os/as edís do BNG e a concelleira de Espazo Común abstívose.

Praza de abastos de Bertamiráns

O pleno abordou ademais a ratificación do acordo da Xunta de Goberno Local do pasado 13 de agosto de 2026, polo que se aprobou o proxecto de execución das obras para a construción do mercado municipal de abastos en Bertamiráns, cofinanciado pola Unión Europea a través do fondo europeo de desenvolvemento rexional (FEDER), dentro do programa operativo plurirrexional de España POPE 2021-2027 e do plan EDIL Conecta Ames. O proxecto ten un orzamento de execución por contrata de 3.293.003,90 euros (IVE incluído).

Este punto foi aprobado por unanimidade e haberá que comunicar este acordo á Deputación Provincial da Coruña, a efectos de darlle cumprimento ao requirimento feito, para dar cumprimento ao previsto no artigo 18.1.c) da Ordenanza Xeral de Subvencións e Transferencias da Deputación Provincial da Coruña.

Post navigation

Previous: A Baña remata a renovación da estrada entre Vilar da Torre e Val do Dubra
Next: Municipais 2027: Roberto Rey, alcalde de Frades

Máis novas

FOLGA
  • Xeral

Lindeiros apoia a folga

ames bng cortes de luz 10 niovembro 2026
2 minutes read
  • Ames

Lanzan unha campaña para denunciar os cortes de luz en Ames

compostela informe icomos gargolas 10 novembro 2026
8 minutes read
  • Xeral

Veciños e asociacións valoran o informe de ICOMOS sobre as gárgolas do Hostal

Un momento do pleno de Brion no que se destinou un millón de euros ao pago de facturas
4 minutes read
  • Xeral

Brión rebaixa a taxa do lixo

Rois: aprobadas en pleno a renovación de ordenanzas fiscais
3 minutes read
  • Xeral

Rois actualiza licencias e cede xestión á Deputación

Concello de A Estrada_DSC9226 slide_r
3 minutes read
  • Xeral

Reclama que se respete na Estrada a Lei de Memoria Democrática

compostela arco de mazarelos_good 7 novembro 2026
3 minutes read
  • Compostela

Unha nova vida para o Arco de Mazarelos

ateneo desafios intelixencia artificical 7 novembro 20226
2 minutes read
  • Xeral

Os desafíos da Intelixencia Artificial nos Luns do Ateneo

Etiquetas

25N (53) alcaldes (78) asociacións e fundacións (2086) Ciencia (116) Comercio e empresa (665) Coronavirus (278) Crechas (38) Cultura (2831) Curtocircuito (40) Deportes (751) Economía (450) Educación (778) eleccions (50) Emprego (244) Entroido (42) Festas e Feiras (623) Festivais (837) Galego (146) Institucións (1441) lixo (88) Mancomunidade de Ordes (45) Mandingo (92) Medio Ambiente (1626) muller (187) Nadal (200) Obradoiro Cab (79) o máis lido da semana (55) Patrimonio (835) Plataforma Casalonga limpa de residuos (81) Plataforma Veciñal Mina Touro O Pino NON (42) Plenos (740) Politica (951) saúde (534) Servizos (2705) sindicatos (109) Social (567) sucesos (133) Tabernalia (184) Tecnoloxía (46) Transporte e estradas (703) Turismo (223) Universidade (588) urbanismo (265) xuntas de goberno (37) Xustiza (120)
  • Facebook
  • X
  • Instagram
  • BSky
  • Youtube
  • Whatsapp
Copyright © 2026 All rights reserved. | MoreNews by AF themes.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para garantir o correcto funcionamento do sitio web, medir o seu uso e mellorar os nosos servizos. Podes aceptar todas as cookies, rexeitar as non necesarias ou configurar as túas preferencias. Política de cookies

Configure cookies

Necesarias para que o sitio web funcione correctamente. Non se poden desactivar desde este panel.

Axudan a medir o uso do sitio web e a mellorar os seus contidos.

Permiten publicidade, medición de campañas ou personalización de anuncios.

Gardan preferencias ou permiten contido externo non necesario.