Ames convocou un pleno extraordinario antes de rematar o ano con asuntos nos que a economía ten de forma directa, ou indirecta, unha gran importancia. O primeiro de eses temas o Plan Económico Financeiro 2025 – 2026, aínda que queda a metade de tempo para a súa aplicación.
Este Plan Económico é unha consecuencia do exercicio 2024 que se pechou incumprindo a regra de gasto e o principio de estabilidade orzamentaria e sostenibilidade financeira. Un incumprimento que obriga á redacción dun plan económico-financeiro, que permita no ano en curso e o seguinte o cumprimento dos obxectivos de estabilidade e regra de gasto.
Para cumprir o Plan Económico o equipo de goberno non incorpora medidas no 2025, savo as que xa se están exercendo. No 2026 tratarase de conseguir ingresos que “permitan realizar investimentos, que se repiten todos os exercicios nas áreas de vías públicas, deportes e comedores escolares”, en palabras da concelleira de Servizos Económicos, Susana Señorís.
No ICIO, no imposto de construcións e obras, o goberno espera duplicar o crédito consignado nos orzamento prorrogado para 2025, alcanzando os 950.000 €. Nos tributos do Estado prodúcese un incremento de 1.648.257,65 euros nas entregas a conta, así como a incorporación da liquidación definitiva positiva correspondente ao exercicio 2023 polo importe de 790.908,79 euros. Cóntase tamén en este Plan Económico a amortización da débeda bancaria.

Intervención dos grupos da oposición sobre o plan económico
A voceira de Espazo Común, Luísa Feijóo, dixo o que “hoxe se trae aquí un plan de axuste porque o gasto fóiselles das mans. A estrela do plan é o aumento da taxa do lixo coa que se prevé recadar preto de 1.400.000 euros a maiores. A isto súmase a subida da taxa de comedores cuns 30.000 euros e a suba das escolas deportivas con 41.500 euros. O resto de medidas non dependen da vontade política, nin que estean incluídas nun plan. Pola falta de seriedade deste plan e pola ausencia de medidas reais na contención do gasto non podemos votar a favor deste plan de axuste”.
A concelleira do BNG, Rosalía Seijas, explicou “a realidade é que unha vez recuperadas as regras fiscais, a xestión económica do goberno municipal foi incapaz de cumprir cos límites de estabilidade orzamentaria e coa regra de gasto. Estas medidas non resultan suficientes, polo que para poder afrontar investimentos tan importantes como o EDIL, a adquisición de parcelas para estacionar ou cubrir as pistas deportivas do Milladoiro, o goberno opta por solicitar créditos por importe de preto de tres millóns de euros. A débeda debería ser un instrumento cando a situación económica é boa, e non para cubrir desequilibrios presentes”.
A voceira do Partido Popular, Oliva Agra, explicou que “este plan é o resultado dunha mala xestión económica por parte do goberno municipal. No propio plan se recoñece que o incumprimento está motivado polo uso intensivo do remanente de tesourería para gastos xerais, polos excesos de financiamento afectado e polos axustes negativos derivados da xestión dos fondos europeos. O plan opta por descargar unha parte moi importante do axuste sobre os veciños, mediante a suba de taxas e prezos públicos. Tamén nos preocupan as operacións de endebedamento do exercicio 2026”.
A concelleira de Servizos Económicos, Susana Señorís, respondeu que “un orzamento ten que ter equilibrados os seus ingresos e gastos. As subas nas cotas das escolas deportivas e comedores escolares xa se dixo que son cotas que levaban sen revisar dende o ano 2011, polo que era preciso facer dita revisión. O remanente de tesourería non se pode gastar en investimento, co cal a formula que empregamos é facer ditos investimentos solicitando créditos que se poden financiar con ese remanente de tesourería. Este plan elaborouse intentando causar o menor impacto posible aos veciños e veciñas de Ames, non se aplicou unha subida xeral dos impostos, a subida da taxa do lixo foi debido a unha imposición a nivel estatal”.
Pechou a quenda de intervencións neste punto o alcalde, Blas García, que solicitou coherencia “para que no mes de xaneiro, cando se traía ao pleno o novo orzamento, se aproben ditos orzamentos, porque levan tanto tempo dicindo que non temos orzamentos e isto é unha catástrofe, que como seguro que queren evitar dita catástrofe, non mes de xaneiro estou seguro, que unha vez nos sentemos e miremos os novos orzamentos, van a votar a favor, co cal lles dou as gracias por anticipado”.
Este punto foi aprobado co voto a favor dos concelleiros e concelleiras do grupo de goberno. Os/as edís do Partido Popular e do BNG abstivéronse, mentres que a concelleira de Espazo Común votou en contra.
Recoñecemento Extraxudicial de Crédito
A Corporación municipal tamén debateu en primeiro lugar un recoñecemento extraxudicial de crédito, por valor de 61.259,60 euros, para facer fronte a gastos realizados no exercicio 2024 sen o correspondente soporte contractual.
Todos os gastos incluídos nos expedientes de dito recoñecemento responden a obrigas económicas pendente de imputación orzamentaria e pago. A concelleira de Servizos Económicos, Susana Señorís, explicou que “a maior parte das facturas son de prestación de servizos e subministro sen o correspondente soporte contractual. Do importe total, 33.593,84 euros corresponden a subministro de enerxía eléctrica e de gas natural, e o resto do importe, 27.665,76 euros son gastos derivados de distintos departamentos municipais nos que se inclúen compras de material, da plataforma TokApp e de redacción de pregos e informes. Son gastos necesarios para o normal funcionamento dos distintos servizos municipais”.
Dende Espazo Común dixeron que “diversas empresas e establecementos levan un ano sen cobrar porque estes gastos foron executados dun xeito irregular, porque eran gastos que debían ser licitados, porque non había crédito suficiente ou porque non se seguiu o procedemento que había que seguir”.
Por parte do BNG achacaron “falta de planificación” e dixeron que “estes servizos tiñan que haber sido obxecto de licitación. Estamos ante un uso do recoñecemento extraxudicial de crédito que non é de todo correcto”.
Por último, dende o Partido Popular destacaron “a falta de planificación e de adecuación á legalidade con abuso de contratos menores que exceden os límites temporais e cuantitativos”.
Este punto foi aprobado co voto a favor dos concelleiros e concelleiras do grupo de goberno, Partido Popular e BNG. A concelleira de Espazo Común abstívose.
Cesión de parcelas para a construción de vivenda de protección oficial
O terceiro punto e mailo cuarto debatéronse de forma conxunta xa que están vinculados. Primeiro aprobouse por unanimidade a actualización puntual do inventario municipal coa inclusión de seis parcelas integrantes do patrimonio municipal do solo. Cinco destas parcelas están situadas no sector de solo urbanizable S-16 Galdrachán, mentres que unha delas está situada no sector de solo urbanizable S-15 Travesía do Porto Sur.
De seguido, tamén se aprobou por unanimidade, a cesión de ditas parcelas á Sociedade de Vivenda Pública de Galicia, S.A. (VIPUGAL), como sociedade mercantil pública autonómica, adscrita á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e tutelada polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), para promover vivenda protexida de promoción pública.
