Ames, 9 de decembro do 2017 – O Concello de Ames vén de adherirse ao plan de control da vespa velutina que desenvolve a Consellería de Medio Rural.
O persoal da Agrupación de Protección Civil recibirá a formación necesaria para realizar traballos de retirada de niños de vespas velutinas, así como dous equipo de protección individual e unha pértega e elementos accesorios co obxectivo de executar ditos traballos.
A Vespa velutina é unha especie exótica invasora que chegou a Galicia no ano 2012, e que tivo unha gran expansión na nosa Comunidade dende o ano 2015. A vespa ten unha incidencia especial na produción apícola, xa que unha parte importante da súa dieta está constituída polas abellas, ás que ataca, así como sobre a produción frutícola. Así mesmo, a presenza de niños preto de poboacións constitúe un risco para as persoas, especialmente no caso das que sexan alérxicas.
Con programa posto en marcha pola Xunta de Galicia preténdese dar unha resposta rápida e eficaz á aparición deste insecto invasor que ameaza as colmeas pondo en perigo o futuro da produción apícola e minguando o importante papel polinizador que teñen as abellas. Calquera persoa que detecte un niño destas avespas pode comunicalo aos teléfonos 012 ou 112 onde o persoal adscrito ao programa realizará as actuacións precisas co fin de retirar ou neutralizar o niño.
Material cedido
O acordo subscrito coa Consellería do Medio Rural permítelle ao Concello de Ames dispor de equipos de protección individual e dunha pértega con elementos accesorios, destinados ao desenvolvemento do plan de vixilancia e control da vespa velutina en Galicia, mediante labores de retirada de niños. Ademais, impartirase formación a 6 voluntarios/as que forman parte da Agrupación de Protección Civil, que serán divididos en dous grupos de tres persoas, para realizar estes traballos.
A pértega cedida está constituída polos seguintes elementos: 1 pértega de material aluminio lixeiro; 2 punteiros inxectores de distinta lonxitude (para niños grandes e pequenos); 2 mangueiras de tubo transparente; unha espátula; unha funda; e un sistema impulsor con bomba de accionamento manual. Os equipos de protección individual cedidos están composto dos seguintes elementos: 2 traxes de dobre capa abrandado composto por 65% poliéster e 35% algodón.