A piscina terá que estar pechada ata o vindeiro día 21 polo que o concello reforzará o autobús que leva á praia fluvial de Tapia.

O concello de Ames viuse obrigado a pechar a piscina do Milladoiro polo desprendemento do liner. O liner é o revestimento, normalmente de cor azul, que levan as piscinas. As altas temperaturas puideron ser unha das causas de desprendementos en distintos lugares da piscina que agora será reparada.
O concello calcula que as reparacións durarán ata o vindeiro día 21 e pide desculpas polas molestias, especialmente en días como o de hoxe no que se esperan de novo altas temperaturas. Para paliar o peche, refórzase o servizo de transporte en autobús á praia fluvial de Tapia durante a xornada de hoxe mércores, facilitando así o acceso a espazos de lecer alternativos.
Por parte do Goberno vén de trasladarse o malestar á empresa polas continuas deficiencias da obra de arranxo da piscina e vaise a solicitar un informe técnico para depurar responsabilidades.
Bus de Tapia

O autobús sairá ás 15.30 horas desde O Milladoiro e realizará parada en Bugallido, Agro do Muíño e Bertamiráns. O regreso será ás 20.00 horas coas mesmas paradas que no percorrido de ida.
Localización das paradas:
O Milladoiro: Parada do novo centro de saúde.
Bugallido: Ao carón da farmacia.
Ortoño/Agro do Muíño: Parada das Cortes.
Bertamiráns: Rúa Alcalde Lorenzo, nas inmediacións da Casa do Concello.
