Ames, 13 de outubro do 2020 – O concello de Ames perde un recurso contra a Mancomunidade Serra do Barbanza e terá que aboarlle 246.945 euros.
O problema provén do 2014 cando Serra do Barbanza vese obrigada a pagar a FCC, con que tiña subcontratada a recollida de lixo e o tratamento de residuos, pola execución do servizo máis intereses. A Mancomunidade decidide dividir ese pago entre os concellos e a Ames corresponderíalle pagar eses máis de douscentos corenta mil euros. Ames oponse por non ser parte da mancomunidade e ter tan só contratado o servizo, unha discusión que acaba nos tribunais que agora, 6 anos despois danlle a razón a Serra do Barbanza.
Liorta política
O problema enfronta, nunha nova liorta, ao Partido Popular e ao equipo de goberno. O problema nace cando gobernaban os populares e continuou co actual equipo de goberno.
Os Populares critican que a sentenza non fora publicada no Portal de Transparencia do concello e aproveitan para dicir que “nos últimos tempos, o servizo de recollida de tratamento de residuos sólidos urbanos está funcionando de forma deficiente, un servizo que custa máis de un millón de euros ao ano e que o Goberno Socialista ten atascado desde que no ano 2015 vencera o convenio que agora se encontra en prórroga tácita”.
Pola súa banda o alcalde, José Miñones, explicaba a súa postura no Facebook e achacaba a sentenza á mala xestión do Partido Popular. Miñones explica que “en Decembro de 2014 o goberno do PP comete o erro de aprobar por decreto unha reclamación xudicial que tiña que ser feita polo Pleno e a xustiza 6 anos despois resolve que hai que pagar 250.000€ por culpa desa acción”.
Ante a crítica por non colgar a sentenza no Portal de Transparencia o alcalde explica na súa publicación que “os procesos xudiciais cólganse no portal de transparencia ao remate de cada ano, como pode comprobarse no propio portal. Dicir que o portal de transparencia existe desde que este tripartito chegou ao Goberno e nin existía cando gobernaban os que agora claman ao ceo a falta de información”.
