Bisbarra, 20 de setembro do 2024 – Hai anos todas as aldeas querían un campo de fútbol e moitos quedaron en desuso ou foron imposibles de manter tendo que buscar alternativas. Ames ven de converter o vello campo de Ortoño nunha pista de patinaxe e nunha explanada para eventos.
O proxecto, adxudicado por un importe total de 268.155,30 euros, está na fase final e pronto rematará. Estes traballos súmanse ao campo de lanzamento creado para a práctica do atletismo no antigo campo de fútbol de Biduído.
O obxectivo deste proxecto é devolverlle a vida a unha infraestrutura que data de 1993 e que leva varios anos en desuso. Deste xeito, as obras de rexeneración modifican o uso que se lle daba ata agora ás instalación mediante a construción dunha pista polideportiva, outra para a práctica de patinaxe, e traballos de pavimentación e asfaltado no espazo restante.
Esta semana o alcalde de Ames, Blas García, o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, e a concelleira de Deportes, Susana Señorís, achegáronse ata Ortoño para comprobar como se están a desenvolver os traballos nestas instalacións. Estiveron acompañados do técnico municipal, Esteban de la Fuente, de varios veciños de Ortoño e de representantes da empresa concesionaria da obra.
O alcalde de Ames, Blas García, destaca que “esta actuación vai facer do vello campo de Ortoño, que leva en desuso dende hai varios anos, un recinto versátil para poder realizar multitude de eventos e actividades. Ser o concello máis novo de Galicia e o único que medra, fai que teñamos unha crecente demanda de espazos á que temos que dar resposta”.
Por outra banda, a concelleira de Deportes, Susana Señorís, explica “esta obra súmase a recente mellora nos pavillóns polideportivos e o ao importante investimento que se realizou no campo de lanzamento de Ventín. Dende o Concello de Ames buscamos dar resposta á crecente demanda de espazos e infraestruturas deportivas que a nosa veciñanza nos demanda”.