Bisbarra, 5 de abril do 2023 – A Xunta de Goberno local de Ames adxudicou o contrato de obras de saneamento no núcleo de Caroubáns, pertencente á parroquia de Covas.

O proxecto de Caroubans foi adxudicado por 119.181,41 euros. Trátase dunha actuación que se realizará con cargo a fondos propios do Ciclo Integral da Auga. Estas obras teñen por obxecto a ampliación da rede de saneamento municipal co fin de rematar coas fosas sépticas particulares e as verteduras incontroladas ó medio natural.
A rede de saneamento recollerá as augas residuais canalizándoas pola cuneta da estrada DP – 0203 ata a súa vertedura nun pozo existente na parte alta do núcleo de Loureiros. Para a execución do saneamento instalaranse 19 pozos de rexistro.
Para o núcleo de Caroubáns reporase o pavimento de formigón en toda a súa extensión mediante a execución de 20 centímetros de zahorra e 15 centímetros de formigón en pavimento con mallazo. Este paquete de firme empregarase asemade para o acondicionamento do camiño que comunica coa estrada DP – 0203.
Tamén se executará unha nova soleira para albergar a marquesiña e os contedores do lixo mediante 10 centímetros de formigón e 10 centímetros de zahorra. As actuacións complétanse coas reposicións dos pavimentos afectados, de varios elementos de drenaxe e da sinalización horizontal e vertical.
As obras de Caroubáns súmanse ás xa executadas na parroquia de Bugallido, concretamente ás obras de saneamento e abastecemento levadas a cabo nos lugares de Guimaráns e Buceleiras, e que teñen por obxecto ampliar a rede de saneamento municipal.