Bisbarra, 22 de xaneiro do 2025 – Onte falabamos da obra na N-550 no Millladoiro, en Ames, e dos cambios que provocaría na circulación pero polo momento todo queda igual.

O concello pediu ao Ministerio de Transportes que altere o plan de obra e garanta os dos carrís de subida na circulación polo menos ata que remate a obra no Milladoiro en sentido baixada. A petición prodúcese despois dos problemas xurdidos na xornada de onte.
O Concello de Ames recorda tamén que esta é unha obra complexa que vai xerar molestias en momentos puntuais ao longo da súa execución e que, cando estas xurdan, serán solucionadas na maior brevidade posible.
Un “caos” no Milladoiro
As queixas por esta obra producíronse desde antes de comezar e continúan con cada cambio. Onte o Partido Popular cualificaba de “caos” a situación no Milladoiro. Nunha nota de prensa o PP de Ames explicaba que a situación de este martes será o “resultado da humanización do Milladoiro”; consecuencia, din, de deixar un só carril en cada sentido.
Dada a situación producida no Milladoiro e a recomendación de que o tráfico se desvía por rúas paralelas e as aldeas próximas, o PP quere saber o PP quere saber “se existe algún estudio previo ou de que xeito se van reducir as molestias ós veciños”.
O Partido Popular de Ames pregunta tamén polos aforadores de tráfico instalados no Milladoiro para recoller datos que permitan unha redistribución do tráfico. Explican os populares que a resposta do concelleiro de obras foi que “o goberno local non dispón deses datos xa que os aforadores foron instalados polo Ministerio de Transportes”.
O PP esixe na nota de prensa publicada que haxa “menos improvisación, máis seriedade e sobre todo solucións para todos os veciños, que non teñen que pagar as ocorrencias de ninguén con unha obra imposta e que para nada vai mellorar ó Milladoiro senón, polo visto xa, non vai facer mais que xerar máis problemas”.
