Bisbarra. 28 de decembro do 2022 – Despois de a licitación do SAF acabara hai unhas semanas no Tribunal de Contratación Pública, este mesmo organismo admite un novo recurso contra o concello.
En este caso trátase da compra de dous vehículos para a Policía Local. O recurso admitido a trámite esgrime como argumento que a empresa adxudicataria carece dos certificados ISO requiridos na licitación.
Esta nova paralización dun proceso de licitación é desvelada polo Partido Popular que cualifica a xestión municipal como “chapuza”. O proceso conta cunha subvención da Xunta de Galicia e supón un investimento de máis de douscentos mil euros. O formato elixido é o de renting sen opción a compra.
Un longo proceso
En outubro do 2021 a Dirección Xeral de Administración Local concede a axuda. O concello inicia unha primeira convocatoria, para a compra dun só vehículo, e en novembro declárase deserto o concurso ao non presentarse ningunha empresa.
En agosto pasado apróbase de novo un expediente de contratación que en este caso é para dous vehículos. En outubro pasado decídese a adxudicación á empresa clasificada en primeiro lugar pero esta decisión é recorrida pola que quedou segunda.
O Partido Popular explica que “a recorrente alega que a valoración que se fixo da empresa gañadora foi incorrecta. En concreto céntrase en dous dos criterios de adxudicación automáticos recolleitos no apartado 6 do Anexo V do Prego de Condicións”.
Estes apartados teñen que ver coa posesión de certificados ISO e a explicación e complexa “a empresa gañadora non tiña implantado nin o sistema de xestión de calidade nin o de xestión ambiental; pero presentou, e déuselle por valido, os certificados dunha terceira empresa que non concorreu á licitación, a cal autorizaba á gañadora a utilización dos seus propios certificados (ISO 9001:2015 e ISO 14001:2015) dado que sería ela a empresa encargada de realizar a transformación dos turismos a vehículos policiais co equipamento que figura no Prego de Prescricións Técnicas”.
O Tribunal na admisión fala de “incongruencia do goberno local” na redacción dos pregos. Considera que a implantación das devanditas certificacións deben ser sobre a totalidade do servizo a contratar, e non só sobre unha parte específica do mesmo como é a transformación dos turismos a vehículos policiais.
O Tribunal é tamén crítico coa documentación recibida desde o goberno local. O PP engade que o Tribunal “advertiu ao goberno local que carece de sentido que o índice de documentos que acompaña ao expediente teña numeracións e titulacións que non coinciden coas numeracións e titulacións dos documentos do expediente. Unha incongruencia que non é máis que outro exemplo do proceder chafalleiro dos gobernantes de Ames; agora esperamos coñecer as actuacións adoptadas para dar cumprimento á resolución do Tribunal”.