A empresa Atendo Care é a nova adxudicataría do SAF por case tres millóns de euros. Antes da adxudicación o pleno tivo que rescindir o contrato coa empresa que presta o servizo na actualidade.

O Servizo de Axuda no Fogar de Ames ven dando voltas entre despachos desde hai anos. O vimos contando en Lindeiros e o podedes lembrar no seguinte enlace https://tinyurl.com/22ha7g74 . Agora o pleno aprobou novamente a adxudicación do SAF no que se espera sexa o último paso.
A actual adxudicataria accedeu ao contrato tras a resolución do Tribunal Administrativo de Contratación Pública. Agora, tras diversos incumprimentos Ames rescinde ese contrato e o adxudica de novo á seguinte empresa.
O pleno aprobou, por unanimidade, en primeiro lugar a resolución do contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) entre a empresa Osventos Innovación en Servizos, S.L. e o Concello de Ames, tras o incumprimento dunha serie de obrigas contractuais esenciais ao longo da duración do actual contrato.
De seguido, aprobouse tamén por unanimidade a adxudicación do novo contrato do SAF á empresa clasificada en primeiro lugar na clasificación realizada pola Xunta de Goberno Local do pasado 13 de marzo das ofertas presentadas polas diferentes empresas. A empresa proposta para a adxudicar o novo contrato é ATENDE CARE S.L.
A duración do contrato será de dous anos, podendo prorrogarse anualmente ata un máximo de catro anos (incluíndo o período inicial e mailas prórrogas). O importe de adxudicación por dous anos de contrato ascende a 2.992.993,66 euros (IVE incluído). O prezo do servizo por hora (IVE incluído) ascende a 22,65 euros.
Este novo contrato inclúe servizo de podoloxía (200 horas ao ano), perruquería (200 horas ao ano), formación en coidados (200 horas ao ano) e limpezas xerais ou de choque (150 horas ao ano). A prestación do novo contrato está previsto que comece o 1 de xuño de 2025.
Proxecto Ames Digital Water
O pasado 15 de outubro de 2024 concedéuselle ao Concello unha subvención para a elaboración de proxectos de mellora da eficiencia do ciclo urbano da auga dentro do marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. O importe do proxecto ascende a 1.356.375,49 euros, dos cales 1.131.309,77 euros son sufragados a través da subvención concedida.
O 11 de decembro de 2024 comunicase un reaxuste das anualidades do proxecto. O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, explico que “os gastos de carácter plurianual réxense por unhas normas de gasto moi concretas. No segundo ano na partida económica que xeres non se pode gastar máis dun 70%, o terceiro un 60% e no cuarto un 50%. Dispoñemos dunha subvención de máis dun millón de euros. No primeiro ano a partida económica era de 25.000 euros, polo tanto, segundo se establece nesta norma, só podíamos xerar un crédito de 17.500 euros para o segundo ano, cando necesitamos un importe que ascende a máis de 700.000 euros. Coa aprobación desta excepción podemos xerar o crédito necesario para esa anualidade”.
Este punto foi aprobado co voto a favor dos concelleiros e concelleiras do grupo de goberno, do grupo municipal do Partido Popular e do grupo municipal do BNG, mentres que a concelleira de Espazo Común abstívose.
Pavimentación do viario de Capeáns a Pousada
Outro dos puntos aprobados por unanimidade foi a ratificación do decreto da Alcaldía sobre a subsanación de deficiencias do proxecto das obras de pavimentación do viario de Capeáns a Pousada (Covas) POS+ 2025.
O pasado 17 de febreiro de 2025 recíbese comunicación dos servizos técnicos da Deputación indicando a necesidade de corrixir cuestións de índole técnico. Ditas correccións foron aprobadas polo decreto 886/2025, do 27 de marzo. As correccións aprobadas polo decreto indicado non teñen transcendencia algunha no deseño das obras, nin nas súas funcionalidades ni no seu importe de execución.
Regulamento da rede municipal de comedores escolares, bos días cole e tardes divertidas
O Pleno tamén debateu sobre a aprobación definitiva da modificación do regulamento da rede municipal de comedores escolares, bos días cole e tardes divertidas de Ames. Na sesión plenaria do 30 de xaneiro de 2025 prestouse aprobación inicial á modificación de dito regulamento, que foi sometida a información pública.
Durante o prazo de exposición pública consta a presentación dunha alegación, subscrita pola ANPA Agro do Muíño do 6 de marzo, que foi desestimada de xeito íntegro por parte da técnica de Educación. No expediente tamén consta un informe da Secretaría municipal propoñendo a desestimación íntegra da alegación presentada pola ANPA Agro do Muíño e a aprobación definitiva de forma expresa da modificación do regulamento aprobado inicialmente en sesión do 30 de xaneiro de 2025.
Este punto foi aprobado por maioría absoluta co voto a favor dos concelleiros e concelleiras do grupo de goberno e do grupo municipal do Partido Popular. Os concelleiros e concelleiras do grupo municipal do BNG e a concelleira de Espazo Común votaron en contra.
Consello sectorial da Xuventude
Outro dos puntos que saíron adiante por unanimidade foi a aprobación inicial do regulamento do consello sectorial da xuventude do Concello de Ames. No pleno do 28 de novembro de 2024 acordouse a creación do Consello Sectorial da Xuventude ao abeiro do previsto no artigo 25 do Regulamento orgánico de participación cidadá do Concello de Ames.
A través do decreto da Alcaldía de Ames 116/2025, ten lugar a constitución formal do Consello Sectorial da Xuventude, que celebra sesión constitutiva o 29 de xaneiro de 2025. Posteriormente, o 12 de febreiro de 2025 ten lugar a segunda sesión do Consello Sectorial da Xuventude, onde se presta aprobación ao seu regulamento de funcionamento.
Programa xantar na casa
Outros dos temas aprobados por unanimidade foi a aprobación da primeira modificación do convenio asinado entre o Consorcio Galego de Servizos e Igualdade e Benestar e o Concello de Ames, para o desenvolvemento do programa Xantar na Casa, asinado no ano 2024, e que afecta á cláusula terceira do convenio aumentando o número máximo de persoas beneficiaras que pasa de 35 a 45 usuarios/as.
Esta modificación formalizarase a través dunha addenda. Tamén hai que autorizar e dispoñer dun importe adicional de 13.793,85 euros. Este incremento refírese aos exercicios 2026-2028, tendo en conta que o crédito consignado para 2025 será suficiente.
Asociación Ames Solar
Por outra banda, aprobouse por unanimidade a participación do Concello de Ames, en calidade de persoa socia, na Asociación Ames Solar, que se constituirá baixo a fórmula xurídica dunha asociación sen ánimo de lucro e conforme ao establecido nos seus estatutos e na normativa vixente.
O Instituto de diversificación e aforro da enerxía (IDAE) do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico concedeulle ao Concello unha subvención para a creación dunha Oficina de transformación comunitaria (OTC).
A finalidade da OTC para a que se obtivo subvención é a promoción e dinamización de comunidades enerxéticas. O Concello de Ames, no marco estratéxico da Axenda Urbana 2030 de Ames, recollía unha acción específica relativa á creación de comunidades enerxéticas locais.
Froito do traballo conxunto da OTC de Ames cos veciños e veciñas de diferentes parroquias e co propio Concello acordouse a constitución dunha comunidade enerxética sendo elaborados, de forma colectiva e participada, o borrador de estatutos da referida asociación que adoptará a forma de asociación sen ánimo de lucro coa denominación de Asociación Ames Solar.
Servizo de atención temperá
Ademais, tamén se abordou a modificación do regulamento das condicións da prestación do servizo de atención temperá dos Concellos de Ames e Teo, que foi aprobado por unanimidade.
Os cambios propostos foron aprobados na comisión mixta da agrupación de concellos Teo e Ames na súa reunión 10 de decembro de 2024. Os cambios afectan ao horario de prestación do servizo e ao incremento de persoal que pasan de 3 a 5 profesionais: 2 psicólogos/as, 2 logopedas e 1 terapeuta ocupacional.
Declaración institucional e mocións
Ademais, aprobouse por unanimidade unha declaración institucional do grupo socialista para establecer de interese xeral do estado a ampliación da EDAR Sisalde e a mellora da rede de colectores. A través desta declaración institucional a Corporación municipal reclama que o Goberno central declare de interese xeral do Estado a ampliación da EDAR de Sisalde e a mellora da rede de colectores; e que a Xunta de Galicia e o Goberno central colaboren e cofinancien esta actuación unha vez rematado o proxecto construtivo.
Tamén se aprobou por unanimidade unha moción política do grupo municipal popular de Ames relativa á mellora da seguridade viaria en diversas vías do Concello de Ames. En dita moción ínstase á Xunta de Galicia a realizar distintas actuacións de mellora na estrada AC-453 que une os lugares de Roxos e Portomouro: ancheamento naqueles puntos máis estreitos da vía, dotar de beirarrúas aqueles tramos nos que se careza das mesmas, de Quintáns a O Outeiro (Ames), de Frenza a Piñeiro, Vilaverde, Fernande e Balindo (Piñeiro), e mellorar a seguridade viaria no entorno do CEIP de Barouta, coa mellora da sinalización, elementos disuasorios para o exceso da velocidade, colocación dun paso de peóns, etc.
Tamén se insta á Deputación da Coruña a que acometa varias actuación de mellora na estrada CP-0201 (dotar de beirarrúas a estrada entre o cruce coa AC-543 ata o núcleo de Seares de Arriba, construción dunha senda na aldea de Lens, e mellora do firme naqueles puntos que sexa preciso) e na estrada CP-0202 (construción de beirarrúas na estrada provincial ao seu paso pola aldea de Quintáns, e mellora do firme naqueles puntos que sexa preciso).
Por último, aprobouse por maioría absoluta unha moción política do grupo municipal do BNG para amosar o rexeitamento do pleno ao proxecto de construción da macrocelulosa de ALTRI en Palas de Rei. A través desta moción expresase a oposición da Corporación á megacelulosa contaminante de Altri, dado que perpetúa un modelo de dependencia e explotación, fomenta a expansión da plantación de eucalipto e ocasionaría diversas repercusións negativas para todo o país, para as comarcas próximas á megafactoría, así como para o río Ulla e a ría de Arousa.
Tamén se condena a actuación da Xunta de Galiza neste proceso por antepoñer os intereses dunha empresa privada portuguesa aos intereses da sociedade galega; e dar traslado destes acordos á Xunta de Galiza e ao Goberno do Estado. O grupo municipal do BNG chegou a un acordo co grupo municipal socialista para retirar o punto 3 e 4 de dita moción.
Finalmente a moción foi aprobada co voto a favor dos concelleiros e concelleiras do grupo municipal do BNG, do grupo municipal socialista, e da concelleira de Espazo Común. Os concelleiros e concelleiras do grupo municipal do Partido Popular votaron en contra.