Bisbarra, 23 de xaneiro do 2025 – O concello de Ames está a negociar coa Sareb, o chamado “banco malo”, co obxectivo de conseguir a cesión de parcelas no Milladoiro e Bertamiráns para a construción de vivenda e a creación de zonas verdes.

Polo concello de Ames participou na reunión o alcalde, Blas García, e pola Sareb odirector de Xestión de Administracións Públicas e Relacións Institucionais, Alberto Molowny. A vista está posta nunha parcela situada no S-16 Galdrachán, no Milladoiro, para crear 37 vivendas de protección oficial. Tamén se abordou a posibilidade de ceder varias parcelas en Bertamiráns, que suman 31.552 metros cadrados, para destinar a zonas verdes e creación de novas sendas peonís para uso e desfrute da veciñanza amesá.
O Goberno municipal traballa para crear nova vivenda de protección oficial. O alcalde de Ames destaca que “este é un goberno que traballa para a veciñanza. Somos conscientes da dificultade de acceder a unha vivenda hoxe en día e a nosa obriga como Concello é dar resposta a esta demanda. A creación de nova vivenda é un dos obxectivos que temos marcados para o queda de mandato”.
O concelleiro de Urbanismo e Administración Xeral de Ames, Víctor Fernández, explica que “debido á falta de vivenda que existe na actualidade, tanto para alugar como para mercar, o Concello de Ames xa se puxo en contacto, tanto coa Sareb como co Instituto Galego da Vivenda e Solo, co obxectivo desenvolver novas vivendas suxeitas ao réxime de protección pública no Milladoiro e Bertamiráns”.
As parcelas
A parcela do plan parcial do sector S-16 Galdrachán, que está destinada á creación de vivendas suxeitas ao réxime de protección pública, atópase nas inmediacións da Casa da Cultura e do pavillón municipal do Milladoiro.
A parcela AR-07 ten un superficie de 966 metros cadrados e unha ocupación en planta de 736 metros cadrados. A súa edificabilidade residencial e de 3.069,85 metros cadrados, mentres que a edificabilidade terciaria é de 651,20 metros cadrados. A súa edificabilidade total ascende a 3.721,05 metros cadrados e un número máximo de 37 vivendas.
Esta parcela sumaríase a outros seis terreos que o Concello pretende poñer a disposición do Instituto Galego da Vivenda e Solo. En total, cederíanse ao IGVS 5.338 metros cadrados de terreo, que se poden urbanizar, e na que se poden construír 213 vivendas. En cinco parcelas poderíanse construír 37 vivendas en cada unha delas, mentres que noutra poderíanse crear 28 vivendas.
Por outra banda, en Bertamiráns, negociase sobre terreos de cualificación urbana que suman 31.552 metros cadrado. Ditas parcelas están sen edificar e atópanse nos lugares de Cantalarrana, travesía de Fontaldeiro, rúa da Fragua e travesía do Pedregal.
O obxectivo sería, que mentres a Sareb non desenvolve ditos terreos, o Concello encargaríase de acondicionalos para que teñan un uso público. Isto permitiría dispor de novas zonas de esparexemento á veciñanza amesá, e a Sareb non tería ditas parcelas paradas, aforrando o gasto que lle supón o seu mantemento.
