Ames, 18 de xaneiro do 2017 – O goberno municipal de Ames e o grupo Ames Novo comunicaron de forma conxunta a decisión de negociar os orzamentos municipais para o presente ano sin que estas conversas teñan relación co resto das actuacións dos grupos en outros ámbitos.
A comunicación fíxose nos seguintes termos:
O GOBERNO MUNICIPAL E AMES NOVO INICIAN A NEGOCIACIÓN DOS ORZAMENTOS
En reunión mantida na tarde de onte, 16 de xaneiro de 2017, entre os voceiros das tres forzas políticas que integran o Goberno de Ames (PSdeG, Contigo Pódese e BNG) que actuarán en nome e representación do Goberno de Ames, cos membros do Grupo Municipal de Ames Novo, chegouse ao acordo de iniciar un proceso de negociación dos orzamentos municipais para 2017
Ames, 17 de xaneiro de 2017. Ambas partes acordaron iniciar un proceso específico, non ligado nin condicionado por calquera outro aspecto da relación entre os grupos, que ten por obxecto acadar un acordo básico que sitúe as liñas políticas do orzamento de 2017 dentro da esquerda. Con esta fin, constituíuse na tarde de onte unha comisión de traballo que retomará a actividade o vindeiro luns, día 23, na que se desenvolverá todo o intercambio de propostas necesario para a definición das liñas orzamentarias e que rematará o seu traballo, con ou sen acordo, o venres 17 de febreiro de 2017. Ademais dos tres voceiros dos grupos políticos que integran o goberno estarán na comisión a voceira e o responsable da área económica do Grupo Municipal Ames Novo.
As dúas partes acordaron, asemade, que o traballo da comisión creada teña carácter público, a cuxo efecto se confeccionarán actas de cada unha das reunións mantidas nas que se reflectirán as propostas achegadas por cada parte, así como os acordos acadados ou puntos de desacordo que se produzan. De cada unha destas reunións darase cumprida información á opinión pública.
En declaracións da voceira do Grupo Municipal de Ames Novo, Pilar Candocia, a constitución desta comisión negociadora “abre a posibilidade de que Ames dispoña duns orzamentos enmarcados na esquerda afianzando a política social, que atenda en igualdade a todos os habitantes do concello con independencia do lugar onde viven e que fomente a participación cidadá,” continuou dicindo que “Unha vez máis Ames Novo tende unha man ao goberno para mellorar a vida das persoas, polo que abriremos un proceso con todos os colectivos para coñecer cales son realmente as prioridades da cidadanía”.
A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, en representación do Goberno pon de manifesto a importancia desta comisión creada entre os grupos municipais de esquerda porque os orzamentos son a ferramenta máis importante do concello para desenvolver políticas que van dirixidas de maneira directa á cidadanía, e fixou como obxectivos “a blindaxe dos Servizos Sociais coa necesidade de incrementar a partida destinada para axudar ás persoas que máis o necesitan, unha aposta clara e decidida polo Emprego, e seguir investindo en Educación e nos e servizos de conciliación da vida laboral e familiar”. A maiores incidiu que por parte do Goberno se “aposta, unha vez máis, de maneira decidida e clara polo diálogo co grupo Ames Novo para sacar adiante estes orzamentos cunha maioría solvente e progresista”.