Bisbarra, 5 de abril do 2023 – O Milladoiro, en Ames, acollerá un ano máis o Millarock que chegará o 30 de xuño á súa decimo segunda edición.

Este ano o Millarock contará con catro grupos musicais galegos e nacionais. A banda da loba, Eladio y los seres queridos, Fillas de Cassandra e Las ninyas del corro subiranse ao escenario nun concerto con faciana de festival.
O evento está organizado polo departamento de Cultura do Concello de Ames e concta coa colaboración da Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia. Este ano múdase o lugar do concerto xa que se celebrará no anfiteatro do Milladoiro.
No acto de presentación participaron a concelleira de Cultura, Natividade González; e a técnica de dito departamento, María Vázquez. González, comezou a súa intervención afirmando que “Ames medra coa cultura, e o Millarock medra con Ames. Chegamos á edición número doce, unha edición que consolida a este festival como un dos máis esperados da contorna”. A concelleira engadiu que o cambio de data ten como obxectivo converterse no centro das festas da Madalena “unha data que sabemos que non compite con outros festivais da contorna, e que nos permite non perder nada da cultura musical que temos no país”.
Natividade González quixo mencionar ademais que “traemos un cartel moi fiel á esencia do Millarock, sendo perceptivos aos cambios e ás novas sensibilidades. Seguimos a ter grupos con música en galego, presenza feminina, bandas emerxentes, música reivindicativa… Abandonamos a idea dos festivais homoxéneos para incorporar rock, indie, sons modernos… E por iso queremos invitar a todos os cidadáns de Ames, así como á veciñanza da contorna e a xente chegada de todos os puntos de Galicia”.
Millarock 2023
Coa chegada do Millarock, O Milladoiro volve a reunir a destacadas bandas de rock galego, cun cartel no que se citan os grupos A Banda da Loba, Eladio y los seres queridos e Fillas de Cassandra. Ademais, incorpórase un dúo procedente da escena nacional, Las Ninyas del Corro, que chegarán dende Barcelona.

A Banda da Loba é unha formación integrada por cinco mulleres que uniron as súas traxectorias para crear un proxecto colectivo. No seu repertorio mesturan, ademais de rock, ritmos de pop, blues e folk, creando sons propios. Na actualidade contan con tres traballos publicados: Bailando as rúas (2017), Fábrica de luz (2019) e o EP Hasme Oír (2021). Ademais, ao longo da súa curta traxectoria recibiron galardóns como o Premio aRi(t)mar 2018.
Por outro lado, Eladio y los seres queridos é unha das bandas máis consolidadas do panorama galego, tras máis de quince anos de carreira, 5 discos e numerosas xiras por todo o país. Os seus temas, escritos por Eladio Santos, líder do grupo, van dende o pop máis clásico ata sons indies, folk, canción de autor, e, por suposto, rock. O seu último traballo, Academia (2020) está composto por catorce temas “honestos, intimistas e transeúntes”.
O dúo Fillas de Cassandra, procedente de Vigo, é un dos proxectos da nova música emerxente máis prometedor do panorama galego. O seu primeiro traballo, Acrópole (2023) acaba de ser presentado e colleita xa numerosas críticas positivas. A súa é unha aposta pola recuperación das melodías tradicionais e a creación de novas líricas, inspiradas no canto de tradición oral pero tamén influenciadas polo pop, a electrónica e a música clásica. As súas composicións, sempre creadas dende unha ollada feminista e actual, transitan da emotividade ao desenfado, sen esquecer o activismo.
Por último, Las ninyas del Corro, o dúo catalán, chegará a Ames para ofrecer as súas cancións combativas e mensaxes contundentes, inspiradas no rap underground. A dupla caracterízase polas súas comprometidas letras, nas que teñen cabida o empoderamento, a crítica e as vivencias persoais.