Bisbarra, 13 de xuño do 2024 – Presentada a decimo terceira edición do Millarock que se celebrará o vindeiro 2 de agosto no anfiteatro do Milladoiro, en Ames, e terá a Dakidarría como cabeza de cartel.

No evento participarán ademais Agoraphobia, Biribirlocke e Onda Dagda (grupo amesá que ensaia no local municipal da Factoría). O persoal da escola de rock “A Casa do Rock Encargarase ademais dunha serie de concertos didácticos e obradoiros musicais. O Millarock está organizado polo departamento de Cultura do Concello de Ames en colaboración coa Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia.
O Millarock non se celebrará só no anfiteatro do Milladoiro xa que este espazo unirase á travesía do Porto, espazo habitual do evento nas súas doce edicións anteriores. O festival muda ademais a súa imaxe, incorporando un deseño que se converterá na imaxe de marca deste evento musical.
O cartel do Millarock
Tras máis de 20 anos desde a súa formación Dakidarría é un referente no panorama galego e estatal. O grupo volve á estrada para descargar en cada escenario a emoción, a enerxía e a adrenalina que se desprende en “XX”, o seu novo disco en directo rexistrado en dous festivais emblemáticos; Revenidas e Castañazo Rock.
Agoraphobia é unha banda de Boiro formada por Susana Saavedra (voz e percusión), Sabela Sampedro (guitarra), Paula Rego (batería) e Lucía Fernández (baixo) que volve neste 2024 co seu garaje rock, ritmos de distorsión profunda e potentes riffs que sacoden o rock alternativo.
Biribirlocke xoga en casa xa que son de Ames. Tras un tempo parados volven aos escenarios cun son contundente cargado de ritmos enerxéticos apoiados nunha potente sección de ventos. Un directo marcado polos temas que teñen gravado como adianto do seu terceiro disco que está a piques de ver a luz.
Onda Dagda pola súa banda ensaian no local municipal da Factoría. Xa ten actuado en diversas galas do concello así como no certame da Deputación da Coruña “Quero Cantar” no Teatro Colón. A súa proposta pasa por incribles versións dalgúns clásicos coas que soen sorprender ao público.
O festival contará tamén coa colaboración da escola compostelá A Casa do Rock. O persoal colaborará co achegamento aos clásicos do rock. A través dos seus formatos didácticos subirá ao escenario un concerto no que percorreremos os clásicos e os máis dignos representantes da cultura rock cunha proposta adaptada para o público máis novo.