Bisbarra, 20 de novembro do 2024 – O salón de plenos de Ames acolleu unha reunión entre o goberno municipal e representantes dos empresarios do polígono Novo Milladoiro.
No encontro o representantes municipais recoñeceron que no Milladoiro “existe un problema na tradución do proxecto do papel á realidade e que é necesario buscar solucións que beneficien á maioría dos empresarios e empresarias do parque”.
Na reunión participaron por parte do Goberno local o alcalde, Blas García, o concelleiro de Urbanismo Víctor Fernández, o concelleiro de Obras, Gustavo Nieto e a concelleira de Promoción Económica, Ana Paz. Por parte da Asociación de Empresarios Novo Milladoiro estivo presente o seu presidente, Javier Santos e tamén asistiu Ramón Salgado, como empresario do parque empresarial.
Do encontro saíu a decisión de darse un mes para intentar “resolver as carencias ou eivas que poida presentar o proxecto”. Antes as demandas empresariais o goberno municipal explica que “Somos os primeiros interesados en ter un espazo de traballo óptimo, por iso se revisarán as peticións realizadas e se materializarán na medida do posible”..
O alcalde recordou a importancia de dar resposta ao grave problema de aparcamento na zona e explicou que que se leva traballado o proxecto dende o ano 2021 “Temos que intentar conxugar varios intereses, como son a necesidade de despexar as beirarrúas para as persoas, garantir que non se causan agravios na actividade e económica das empresas establecidas e a creación de alternativas de aparcamento”.
O presidente da Asociación de Empresarios Novo Milladoiro, Javier Santos, dixo que “que lle propuxeron ao concelleiro de Obras e Servizos Básicos dúas novas zonas de aparcamento. Iso axudaría a minimizar o impacto, e o concelleiro quedou en estudar esta proposta”.
Proxecto de mellora de mobilidade
As principais vías dentro do parque empresarial de Novo Milladoiro e nas cales se actuou son a rúa das Hedras, a rúa das Palmeiras e a rúa da Xesta, con problemas recorrentes no estacionamento dos vehículos.
O elevado volume de vehículos que acceden cada día a este polígono sumando á necesidade de máis espazo para estacionar, provoca que as beirarrúas se atopen ocupadas por coches, dificultando o tránsito peonil. Tendo en conta o estudo de tráfico e mobilidade redactado en marzo de 2022, proponse a reordenación do tráfico rodado nas citadas rúas.
O ámbito de actuación conta cunha superficie total de 9.550 metros cadrados (1.065 metros lineais). Para elo, procedeuse á supresión dun carril de circulación de xeito que estas rúas conten cun único carril de circulación con zonas de estacionamento regulado a ambas marxes.
O orzamento para a execución deste proxecto é de 175.525 euros. O 68,37% do orzamento total será sufragado con fondos autonómicos da Consellaría de Economía, Industria e Innovación, mentres que o 31,63% restante, 55.525 euros, serán sufragados con fondos municipais.
Nos últimos anos dende o Concello de Ames procedeuse á creación de dúas bolsas de aparcamento no propio polígono empresarial, unha ao lado do campo de fútbol, de 70 prazas, e outra na zona verde central, con máis de 100 prazas.