Ames, 11 de xullo do 2022 – O alcalde de Ames. Blas García, pon como condición que a Mancomunidade Serra do Barbanza contrate a un xerente e a persoal de administración como condición para entrar como membro de pleno dereito.

O concello de Ames xera o corenta por cento do lixo que chega á planta de Servia. Blas García, e o concelleiro de urbanismo e administración xeral Víctor Fernández, reuníronse en Lousame co presidente da Mancomunidade Serra do Barbanza, Juan Manuel Saborido, e co xefe da planta da empresa FCC, Luís Fernández. O obxectivo era recoller información antes de decidir sobre a incorporación do concello como socio.
Un dos requisitos expresados polo alcalde é que se profesionalicen os recursos humanos da Mancomunidade para mellorar o seu funcionamento. Blas García pide que se cre unha xerencia e que se dote de persoal administrativo e dun técnico medio ambiental.
Tamén se solicitou que o Concello de Ames dende a súa entrada como socio de pleno dereito cara atrás estea liberado e non teña responsabilidade algunha nos procedementos xudiciais que ten abertos a Mancomunidade coa empresa FCC, agás naquelas nas que o Concello de Ames teña unha responsabilidade directa.
Por outra banda, o alcalde de Ames manterá nos vindeiro días unha xuntanza con representantes da empresa FCC para tamén solicitarlle unha serie de cuestións que haberá que cumprir para que Ames para que Ames pase a ser socio de pleno dereito da mancomunidade. A principal será que que a empresa achegue á Mancomunidade un novo camión para a recollida de lixo. Ademais, manterase unha xuntanza co Comité de Empresa da planta para tratar de garantir a viabilidade da planta.
Conflito laboral
O pasado mes de xuño os traballadores anunciaban protestas “e unha folga indefinida se fose preciso” para garantir os postos de traballo. Os representantes sindicais da CIG, CCOO e UGT denunciaron ademais a represión sindical da que están sendo obxecto membros do comité e o propio persoal da planta.
Beito Rubido, da CIG, denunciou a actitude da empresa concesionaria, FCC, que cualificou como “hostil, acosadora e sancionando a membros do comité, coa única preocupación de instalar cámaras no conxunto da planta co obxectivo de atemorizar ao persoal, pensando que desa forma vai evitar que os traballadores defendan os seus postos de traballo, as súas condicións laborais e o modelo de xestión”.
